A Xunta destaca a relevancia para o sector de investigacións do CIMA como o estudo da resistencia dos berberechos fronte a enfermidade da marteiliose

O Centro de Investigacións Mariñas concluíu este ano o proxecto Resmart, posto en marcha hai dous anos e que contou con financiación da Consellería do Mar

Ademais de divulgar os resultados, os investigadores presentaron unha guía con recomendacións para recuperar bancos marisqueiros que podan verse afectados

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro puxo en valor a crecente colaboración dos profesionais da pesca e o marisqueo cos organismos científicos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 13 de novembro de 2023

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asistiu hoxe no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón, en Vilanova de Arousa, á xornada de divulgación na que se presentaron os resultados obtidos na acción de investigación sobre a Resistencia do Berberecho á Marteiliose (Resmart). Con este encontro búscase facer chegar ao sector marisqueiro e ao persoal técnico e investigador relacionado coa xestión dos bancos información sobre os mecanismos de resistencia do molusco fronte ao parasito que causa esa enfermidade. Tamén se presentou unha guía con recomendacións para a recuperación de bancos marisqueiros que podan verse afectados.

Susana Rodríguez destacou a relevancia deste tipo de iniciativas, que xunto a outras pioneiras postas en marcha pola Consellería do Mar, como é o caso de Redemar, a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, están a orientar a I+D+i mariña a ámbitos fundamentais para os profesionais do mar. Un ámbito onde tamén está a destacar o CIMA que dirixe Carlos Gabín.

O equipo de investigadores do centro que lidera o doutor en Bioloxía pola USC Antonio Villaba debullou como desde o 2012 se produciron mortaldades masivas de berberecho na Ría de Arousa que asolaron os bancos deste bivalvo. Persoal investigador do CIMA comprobou que se debían á infección polo protozoo Marteilia cochillia, causante da marteiliose. O mal expandiuse cara ás Rías de Pontevedra e Vigo, mentres que non se detectaron brotes cara o norte.

O seguimento epidemiolóxico desenvolvido por estes investigadores amosou que, cada ano, un novo brote da enfermidade ocasionaba a extinción de cada nova xeración de berberechos. A partir de 2016 detectouse un cambio nese padrón, observándose unha diminución da incidencia da enfermidade e un aumento na supervivencia dos novos recrutas de berberecho, o que levou a recuperación do marisqueo deste molusco en 2019.

Novos experimentos do persoal investigador do CIMA, algúns no eido do proxecto europeo COCKLES en colaboración con grupos do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat, CIM, Universidade de Vigo), as confrarías de pescadores de Cambados e Vilanova de Arousa e a empresa Hydrosphere S.L., demostraron que o parasito seguía estando presente na ría coa mesma virulencia e suxerían que a resistencia á marteiliose dos berberechos recrutados no interior da Ría de Arousa fora aumentando por un proceso de selección natural.

Investigadores do grupo Acuigen (Área de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela), tamén implicados nos experimentos, confirmaron que esa resistencia por selección natural ten unha base xenética e identificaron marcadores moleculares da resistencia á marteiliose. Paralelamente, no 2014, outro equipo de investigación do CIMA iniciara un programa de mellora xenética baseado en cruzamentos controlados de berberechos no criadeiro das súas instalacións, co fin de incrementar a resistencia á marteiliose. Comprobaron que a descendencia destes berberechos tamén amosou resistencia á enfermidade.

En 2021 nacía a acción de investigación Resmart, financiada integramente pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e desenvolvida por investigadores das Áreas de Patoloxía, Recursos Mariños e Acuicultura do CIMA. Esta investigación, que ten o seu remate no presente ano 2023, marcouse como obxectivos, en primeiro lugar, confirmar a hipótese de que a resistencia á marteiliose aumentou na ría de Arousa por selección natural.

En segundo termo, avaliar, mediante a produción dunha terceira xeración do programa de cruzamentos controlados, se a ganancia do aguante fronte á enfermidade con este procedemento supera ou non a obtida a través da selección natural; en terceiro, identificar proteínas implicadas neste mellor comportamento fronte á marteiliose; e o cuarto aspecto foi o de determinar se os marcadores de resistencia que se atoparon asociados á selección natural tamén aparecen nos berberechos resistentes do programa de cruzamentos controlados. Este último foi encomendado ao grupo Acuigen.

Este traballo constitúe unha proba máis dos bos resultados que se acadan ao estreitar a colaboración entre o sector marítimo-pesqueiro galego e os organismos científicos, como ocorre grazas á iniciativas como Redemar. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/11/2023