A Xunta pon en valor que o novo Polo de Emprendemento do Porriño reforzará a rede de centros encargada de asesorar proxectos para darlle un pulo á economía

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou no Porriño no acto de entrega dos XVIII ‘Premios Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora’, organizados por AJE Vigo

Alí puxo de relevo que en próximas datas se inaugurará o Polo de emprendemento e apoio ao emprego da localidade pontevedresa, elevando a 12 o número destes centros na Comunidade e aproximándose á cifra de 15 que se persegue acadar a final de ano

Recordou a colaboración con AJE Galicia para avanzar na consolidación de iniciativas que contribúan a reforzar o noso tecido produtivo, tamén a través da Rede de polos

O Porriño (Pontevedra), 23 de novembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe no acto de entrega dos XVIII Premios Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora, organizados pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Vigo. Alí, puxo de relevo que en próximas datas se inaugurará o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, para elevar a 12 o número destes centros na Comunidade.

Canto á provincia de Pontevedra, as novas instalacións serán as segundas en marcha, tras as xa habilitadas en Silleda. Antes de que remate o ano -segundo lembrou o secretario xeral- tamén está previsto que arranque outro en Vilanova de Arousa.

En total, tal e como asegurou Pablo Fernández, o obxectivo é acadar os 15 Polos ao remate do ano para cubrir o cen por cento do territorio galego, facendo especial fincapé no rural, para fixar poboación ao tempo que se consolidan os negocios. Nesa liña, recordou, o persoal da Rede de polos presta apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras interesadas, en calquera das fases en que se atope o seu proxecto, de principio a fin.  

Nesta tarefa, enfatizou o representante autonómico, tamén colaborará precisamente a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia), en virtude dun convenio que en 2024 acadará os 180.000 euros.  Esta cooperación inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas -tamén no ámbito da Rede de polos-, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023