A Xunta informa no Parlamento que, en comparación con 2019, a zona deportiva e as piscinas de Monterrei aumentaron os seus usuarios

En comparación cos datos de 2019, a zona deportiva aumentou os seus usuarios en 2022 nun 60% mentres que as piscinas rexistraron 22.262 bañistas, o que arroxa unha ratio en 2023 de 73 usuarios máis por día

O secretario xeral avanza que a Fase 1 do parque acuático estará completa no verán de 2024 e que en 2026 completarase a reforma do Complexo Deportivo de Monterrei, unha obra financiada ao 50% coa Deputación de Ourense
 

Santiago, 23 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, contestou hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre a xestión realizada pola Xunta de Galicia na construción e funcionamento do parque acuático de Monterrei no concello de O Pereiro de Aguiar. O mandatario galego destacou a aposta realizada pola Xunta de Galicia e a súa contorna na cidade de Ourense con varias instalacións de renome como a mellor pista cuberta de España en Expourense, a reforma integral do Pavillón dos Remedios, a reforma e ampliación do Estadio do Couto e, como non, “a reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei, que continúa coa súa boa marcha a pesar dos atrancos sobrevidos aos que tivemos que facer fronte”. Así tamén apuntou ser unha obra “con moitos beneficios para a cidadanía transcendendo o ámbito deportivo”.

Lete Lasa informou da dilixencia da Xunta con esta obra lembrando varios feitos importantes na súa execución. Neste sentido recordou que, a pesar de que o 12 de setembro a Xunta viuse obrigada a resolver o primeiro contrato da primeira fase pola incapacidade da concesionaria derivada da crise de subministracións e o encarecemento dos materiais, “dous meses e medio máis tarde, o 1 de decembro, xa estaba asinado o novo contrato e o 1 de febreiro de 2023 xa estaban as obras de novo en marcha”. Do mesmo xeito fixo fincapé en que un día despois de que a licitación do primeiro contrato para a xestión das piscinas quedase deserto por mor da ausencia de socorristas, “un día despois xa estaba licitado de novo”. Isto permitiu que, o 9 de agosto de 2023, Monterrei abrise as súas portas dando acceso aos usuarios ás piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos, de xeito gratuíto “coa fin de compensar o feito de que na campaña de verán de 2023 as piscinas abrisen de xeito parcial”.

O secretario xeral para o Deporte informou que a asistencia ás novas instalacións foi un éxito xa que, en comparación cos datos de 2019 -último ano pre pandemia-, en 2022 a zona deportiva aumentou os seus usuarios nun 60% (ata preto dos 60.000) e, en 2023, as piscinas rexistraron 22.262 bañistas en 33 días, o que arroxa unha ratio de 73 usuarios máis por día que en 2019.

Por último, Lete Lasa lembrou que a obra ao completo contará cun orzamento total que superará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Coa Fase Deportiva e a Fase 1 do parque acuático, que será inaugurada ao completo no verán de 2024 coa inclusión dos tobogáns, a Xunta de Galicia remata a súa achega. A Fase 2 do parque acuático -encargada do Río lento (un vaso que simulará un río artificial)- será inaugurada no verán de 2025. As Fases 3 -catro tobogáns de adrenalina- e 4 -multiaventura (tirolinas) do parque acuático serán inauguradas no verán de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023