Galicia aborda no Comité das Rexións o novo enfoque global da saúde mental a nivel europeo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no debate sobre a materia celebrado na última reunión da comisión de Recursos Naturais

De entre as achegas feitas desde Galicia, púxose o foco na necesidade de desenvolver iniciativas concretas para protexer a saúde mental dos maiores e doutros colectivos en risco
 

Bruxelas, 23 de novembro de 2023


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrada en Bruxelas. Entre as cuestións abordadas foi de especial interese para Galicia o intercambio de puntos de vista en relación co desenvolvemento dun enfoque global para a saúde mental.

As rexións europeas debateron sobre o contido da comunicación publicada pola Comisión Europea o pasado xuño, co obxectivo de contribuír á elaboración dun ditame que será previsiblemente adoptado pola NAT a principios de 2024. Elaborada en resposta á petición do Parlamento Europeo e á demanda da cidadanía, e en liña coas conclusións do Consello sobre a economía do benestar, a mencionada comunicación introduce 20 grandes iniciativas coas que pon o foco na influencia dos factores biolóxicos e psicolóxicos.

Desde Galicia avogouse pola inclusión na estratexia comunitaria de medidas específicas para outros colectivos, tales como os maiores ou as persoas en risco de exclusión. En palabras do director xeral, “en rexións europeas como Galicia, onde predomina a poboación envellecida, é crucial levar a cabo accións que protexan este colectivo tendo en conta as súas particularidades.”

Subliñáronse, ademais, as accións que se están levando a cabo na comunidade galega para a xuventude neste eido, por exemplo, coa prevención do uso de drogas. No marco do debate, Jesús Gamallo tamén amosou o seu apoio á posibilidade de que desde as institucións comunitarias se proclame proximamente un Ano Europeo da Saúde Mental.

Por outra banda, nesta reunión da NAT destacou tamén a presentación do estudo Turismo e desenvolvemento rural, unha análise dos principais obstáculos e potenciadores deste sector desde a perspectiva rexional e local. Ademais, tamén foron obxecto de debate as prioridades políticas do programa de traballo da comisión NAT para o 2024, entre elas a política marítima e o sector forestal.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública.

Data de actualización: 23/11/2023