Lete Lasa destaca o momento histórico do deporte base galego cun Xogade que medra en participación, orzamento, oferta, inclusión e igualdade

O secretario xeral lembra no Parlamento que a partir de 2024 o Bono Deporte beneficiará a cada neno de entre 6 e 16 anos federado ou no XOGADE con 120 euros para a adquisición e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, contestou hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre o Programa Xogade. Lete Lasa destacou a importancia deste programa que xunta a oferta deportiva -escolar e federada- para todos os nenos de entre 6 e 16 anos e que “medra en participación, orzamento, oferta, inclusión e igualdade a cada ano que pasa”. “Conseguir que os nosos nenos e nenas conten con hábitos deportivos e saudables dende os seus primeiros anos de vida, garántenos que o día de mañá contaremos con galegos e galegas máis fortes, tanto física como mentalmente porque o deporte é moito máis que unha actividade que mellora as nosas condicións físicas; o deporte é benestar, é xogo, é disciplina, é formación”, apuntou.

 

Neste sentido destacou que o Xogade, que comezou na tempada 2009-2010 cuns 94.000 nenos e nenas mutualizados e que hoxe, tras pasar unha pandemia, “rachou o seu teito histórico rematando a tempada pasada con preto de 135.000 inscritos, que representan o 54,08% de todos os escolares cos que conta Galicia”. Por iso quixo agradecer novamente o excelente comportamento da mocidade galega que “durante os dous anos de crise sanitaria, souberon manter os seus hábitos deportivos cumprindo con todos os protocolos e instrucións de hixiene e seguridade”. “Hoxe, un de cada tres dos 300.000 deportistas federados cos que conta Galicia teñen entre 6 e 16 anos”, engadiu. Do mesmo xeito agradeceu o “traballo incansable” as 31 agrupacións deportivas escolares “que fan posible a realización das actividades deportivas por toda a xeografía galega dende o mes de setembro dun ano ata o mes de xuño do seguinte”.

 

Lete Lasa lembrou a gratuidade do seguro deportivo 6-16 que paga a Xunta de Galicia e sinalou a Galicia como unha comunidade “pioneira e única” neste sentido. Ademais, cifrou o gasto anual do Xogade nuns 3 millóns de euros e recordou que a partir de xaneiro de 2024 o Bono Deporte beneficiará a cada neno e nena de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou inscritos no programa XOGADE con 120 euros para a adquisición e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas e que contará cun orzamento total de 16,2 millóns de euros.

 

Máis oferta, máis inclusión e máis igualdade

Pero o Xogade non medra só en participación, senón tamén en oferta. Por unha banda, o programa -que contaba con 15 actividades escolares na tempada 2022-2023- medrará ata as 17 modalidades na actividade deportiva escolar ao estrear a modalidade inclusiva do voleibol sentado e a actividade de encontros multideportivos. Deste xeito, as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol e voleibol sentado, xadrez e xogando co atletismo.

 

A incorporación do voleibol sentado non é a única novidade inclusiva do Xogade que organizará competicións de deportes por equipos coma, por exemplo, bádminton, tenis de mesa coa finalidade de garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas a inclusión daquelas persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2022-2023 por un 53% de nenos e un 47% de nenas, tanto en participantes como en participacións.

 

Ademais, as federacións adheridas tamén medran. Baile deportivo e montañismo sumáronse ao programa Xogade ao longo do curso 2022-2023, polo que hoxe son 39 as federacións deportivas galegas que están dentro do Xogade: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, deporte autóctono (modalidade deportiva de billarda), esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, montañismo (especialidades de escalada en rocódromo e salas de bloque, carreiras por montaña, sendeirismo e marcha nórdica), loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

 

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023