A Xunta avoga por reter e atraer talentos diversos a través do Plan de formación para o emprego que crece en 2024 ata os 117 millóns de euros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na inauguración do 23º Congreso internacional de Galicia e Norte de Portugal de formación para o traballo

A Xunta elaborará un mapa de capacidades que permita coñecer a reserva de talento ante a diminución da poboación en idade de traballar

Lembrou que o seu departamento está a aliarse coas novas tecnoloxías para implantar o sistema EMi nas oficinas de emprego para optimizar a casación entre oferta de man de obra e de postos de traballo nas empresas

Ourense, 23 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na inauguración do 23º Congreso internacional de Galicia e Norte de Portugal de formación para o traballo, onde avogou polo modelo co que a Xunta de Galicia está a capacitar a súa forza laboral, utilizando a tecnoloxía como aliada e apostando polas microformacións curtas e flexibles.

A titular de Promoción do Emprego defendeu as políticas autonómicas de formación para o emprego por redundar na mellora da produtividade e a competitividade empresarial. A cualificación, indicou, é tamén canle para acadar a igualdade de oportunidades e contar con talentos diversos que nos enriquecen como sociedade.

A área de Formación para o Emprego e Orientación contará nos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en 2024 con 232 millóns de euros. Máis de 117 destinaranse ao novo Plan galego de formación para o emprego, unha partida que crece un 13 % con respecto a 2023.

Entre outras novidades, crearase un centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e impulsarase a Rede de centros asociados de formación para o emprego. “En 2024 apostaremos tamén polas microcredenciais: formacións de curta duración e flexibles para persoas ocupadas e desempregadas”, indicou a conselleira, quen lembrou que este sistema é tendencia en Europa e permite a actualización dos coñecementos, capacidades e competencias das persoas.

Galicia está a asumir o reto de formar e de reter e atraer talento porque, como dixo Rivo,  a poboación en idade de traballar está a diminuír. A Administración autonómica traballa na elaboración dun mapa de capacidades da poboación galega permita coñecer a “reserva de talento”. Promoción do Emprego, indicou, está a desenvolver instrumentos de colaboración específicos con agrupacións e asociacións empresariais para capacitar ás persoas de acordo coas necesidades do mercado.

A tecnoloxía como aliada

A Xunta está a aliarse coa tecnoloxía na implantación na rede de oficinas de emprego da ferramenta baseada na intelixencia artificial (Emi) para casar oferta de persoal formado co que demanda o mercado laboral. Trátase de coñecer que cualificación se demanda para deseñar accións formativas de gran impacto, o que mellorará as capacidades das persoas para o emprego, incluídas as dixitais, indicou a representante autonómica.

Tal e como remarcou Rivo, a Xunta seguirá a traballar para facer de Galicia unha terra de oportunidades, un lugar idóneo para traballar, co reforzo dos mecanismos para combater o desemprego e o impulso da formación. “Seguiremos apostando e insistindo por un mundo sen barreiras laborais, onde contar co talento diverso deixe de ser unha quimera”, afirmou e engadiu que o mercado laboral que quere o Goberno galego estará máis preparado e comprometido coa retención do talento.

Colaboración con Portugal

Tras 25 anos de traballo conxunto, o Goberno galego seguirá a avogar por un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras a través do espazo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Segundo a conselleira, esta rede seguirá a ofrecer servizos para favorecer a inserción laboral entre as dúas rexións e brindar atención personalizada a través das oficinas de emprego.

 

Rivo cualificou esta coordinación como clave para que o traballo conxunto entre Galicia e o Norte de Portugal, onde residen máis de 6,4 millóns de persoas, siga a ser exemplo de europeísmo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023