A Xunta acorda solicitarlle ao Goberno de España a liberación da peaxe da AP-53 para unificar a conexión Santiago-Ourense

Rueda resalta que o obxectivo é que os cidadáns poidan desprazarse por autoestrada entre ambas cidades totalmente de balde

Na actualidade é gratuito o tramo autonómico entre Dozón e Ourense pero hai peaxe na autovía estatal que une Santiago e Dozón

O presidente sinala que o esforzo orzamentario anual preciso para converter a autoestrada estatal en gratuíta para os usuarios é similar ao que realiza o Goberno galego para manter o treito autonómico libre de pagamento

A situación actual é un desequilibrio económico que ten como consecuencia que o treito estatal de pagamento teña un tráfico moi inferior ao do treito autonómico e gratuíto, o que supón o desaproveitamento da infraestrutura

Se todo o eixe fose libre de peaxe, aumentarían a calidade de vida das persoas que viven a carón da N-525 e a seguridade viaria e diminuirían os tempos dos traxectos
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou “solicitarlle ao Goberno de España” a liberación da peaxe da AP-53 -que une Santiago e Dozón- para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense. “O que queremos é que toda a viaxe por autoestrada entre Santiago e Ourense poida facerse sen custe para os usuarios”, destacou.

O informe avaliado hoxe no Consello describe as desvantaxes do actual sistema, cun dobre modelo de pagamento: o da AP-53, como unha autoestrada estatal de pago entre Santiago e O Alto de Santo Domingo (Dozón); e o da AG-53, como unha autovía autonómica libre de peaxe para o usuario entre O Alto de Santo Domingo e Ourense.

Tal e como explicou o presidente, neste informe se conclúe que o esforzo orzamentario anual preciso para que o Goberno de España libere a peaxe da AP-53 é similar ao que vén realizando a Xunta para manter o treito Dozón-Ourense como unha vía libre de peaxe. O Goberno galego reserva 9,27 millóns de euros dos orzamentos de 2024 para pagar os peaxes da autoestrada autonómica AG-53, segundo indicou Rueda, quen explicou que aplicar esta mesma medida na AP-53, custaríalle ao Executivo central uns 10,5 millóns de euros. “Non lle pedimos máis esforzo que o que xa fan as arcas autonómicas”, indicou.

O Goberno galego, tras avaliar neste informe indicadores económicos, de tráfico e de seguridade viaria, propón unha renovación dos acordos asinados co Goberno central nos anos 1997 e 2002 para que se optimice o aproveitamento da infraestrutura, para liberar a peaxe da AP-53.

O eixe Santiago-Ourense foi completado e leva case 15 anos en servizo grazas á vontade da Xunta, xa que a planificación do Goberno central adiaba a súa execución, especialmente no treito Alto de Santo Domingo-A-52.

O Executivo autonómico contribuíu á viabilidade da concesión da AP-53, coa achega dunha subvención de 60 M€. A isto súmase o esforzo anual que realiza para manter a gratuidade para o usuario do treito autonómico, a AG-53.

Cómpre ter en conta que a autoestrada estatal AP-53, ademais das tarifas máis caras neste tipo de infraestrutura en Galicia, conta cun prazo concesional ata o 13 de novembro de 2074, polo que se configura como a autoestrada de peaxe en España que máis tarde reverterá á Administración.

O dobre modelo de pagamento tamén provoca un desequilibrio na captación de tráfico da estrada nacional alternativa, pois é moito máis baixa no treito estatal de pagamento, menor ou igual ao 50%, con respecto ao treito autonómico libre de peaxe, ao redor do 90 %.

Esta situación está a implicar o desaproveitamento da AP-53 como infraestrutura viaria. Porén, tal como expón o documento hoxe analizado, se todo o eixe fose libre de peaxe, aumentaría a calidade de vida das persoas que viven a carón da estrada N-525, reforzaríase a seguridade viaria e diminuirían os tempos dos traxectos.

O informe puntualiza que a implantación na autoestrada AP-53 dun modelo de bonificacións como o da AP-9 suporía un alivio para a economía dos usuarios desta infraestrutura, tal como xa reivindicara a Xunta, pero non permitiría superar o desequilibrio e a ineficacia derivados do dobre modelo de pagamento.

Cómpre lembrar que no ano 2019 a Xunta propúxolle ao Goberno a habilitación destes mesmos descontos, e trasladou incluso un estudo de viabilidade que estimaba en 3,2 M€ ao ano o orzamento estatal para financiar esta medida. Porén, esta opción non foi considerada polo Ministerio de Transportes cando foi solicitada pola Xunta, pero si foi recollida recentemente no Pacto de investidura do presidente do Goberno.

A pesar do aforro económico que estas bonificacións na AP-53 suporían para os usuarios, o informe subliña que non se resolverían problemas como a seguridade viaria na área pola cal se desenvolve e que se seguiría mantendo un dobre modelo de pagamento, ineficaz para un só eixe.

Neste sentido, o documento expón que os descontos económicos da AP-9 non tiveron efecto beneficioso nin na seguridade viaria das estradas convencionais nin nas molestias polo tráfico nas travesías.

Avaliadas todas estas circunstancias, o Consello da Xunta deu hoxe luz verde á proposta para constituír un eixe único libre de peaxe na autoestrada Santiago-Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023