Rueda destaca que a Xunta reforzará o vindeiro ano as axudas para facilitar o acceso á vivenda e a súa rehabilitación cun orzamento ampliable de 56 M€

Resalta que Galicia xa ten unha das “políticas de vivenda máis ambiciosas” do país e que o obxectivo é facer “máis sinxelo e doado” o acceso da cidadanía a un fogar

Como novidade, as axudas ao alugueiro refórzanse para cubrir ata o 60 % da renda mensual de colectivos con dificultades para acceder a un fogar, como os emigrantes retornados e as persoas que leven inscritas un ano ou máis no Rexistro de Demandantes do IGVS, familias monoparentais e numerosas e menores de 36 anos

Tamén se lanzará unha nova liña dentro das axudas a promotores públicos e privados para construír ou rehabilitar vivendas destinadas a alugueiro, con opción de compra, durante un período mínimo de 15 anos

Baixarase ao 6% o Imposto de Transmisións Patrimoniais no caso de mercar unha vivenda que se vaia rehabilitar de forma inmediata e ao 4% se están en municipios con baixa densidade de poboación

A vicepresidenta segunda resalta os incentivos que pon en marcha a Xunta para incrementar o parque público residencial dispoñible en Galicia
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta reforza a súa política de vivenda con tres novas medidas para facer “máis sinxelo e doado” o acceso da cidadanía a un fogar e para impulsar a rehabilitación de inmobles na comunidade. “Haberá incentivos para os promotores que constrúan vivenda para destinar a alugueiro accesible, reformaranse as axudas ao alugueiro para facelas progresivas, en función da renda, e haberá unha nova rebaixa fiscal”, resaltou.

Estas novas medidas enmárcanse no compromiso da Xunta con impulsar vivenda pública e mellorar o acceso a un fogar. “Galicia é a comunidade coa política de vivenda máis ambiciosa”, indicou o presidente, que lembrou que desde 2009 “preto de 5.000 persoas accederon a unha vivenda de promoción pública” e que o Goberno galego está a traballar para “impulsar 1.900 novos fogares de alugueiro e 3.000 de promotores privados”. O obxectivo máis inmediato da Xunta é “incrementar nun 50% o parque galego de vivenda público”, o que implicará un investimento de 250 millóns de euros.

O Consello tomou hoxe razón dun informe da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre o catálogo de axudas que se convocarán o vindeiro ano neste eido. Tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, “a Xunta mobilizará o ano que vén un orzamento ampliable de 56 millóns de euros”, a través dunha vintena de liñas de axudas e programas co obxectivo común de facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou de alugueiro, e apoiar a particulares, comunidades de propietarios e concellos na rehabilitación de inmobles e edificios de uso residencial.

En concreto e co fin de facilitar e garantir o acceso da cidadanía á súa vivenda habitual, está previsto apostar por una decena de programas para compra e alugueiro dotados en total de 44,42 millóns de euros.

Ademais e para seguir apostando pola rehabilitación do patrimonio residencial xa construído, tamén se convocarán outras liñas de subvención, dotadas para o ano que vén de 12,1 millóns de euros, unha partida que previsiblemente será moito maior, xa que polo momento se descoñece o importe que se asignará ás axudas para a rehabilitación enerxética financiadas con cargo ao NextGenerationUE, debido a que o Ministerio aínda non fixo a nova repartición dos fondos europeos entre as comunidades autónomas.

Partindo destas dotacións iniciais, a previsión do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é que se poidan conceder ao redor de 6.100 axudas para a compra ou o arrendamento da vivenda habitual e, no eido da rehabilitación, considérse que as distintas ordes de subvencións permitan financiar a recuperación de, como mínimo, 2.100 inmobles, aos cales hai que sumar outros 16.000 máis nos cales vai actuar grazas ás axudas para a mellora da eficiencia enerxética que se están a resolver nestes momentos (convocatoria de 2023).

En materia de acceso á vivenda en réxime de alugueiro, cómpre subliñar a introdución por parte da Xunta dunha serie de novidades na orde de axudas directas para inquilinos. Grazas á incorporación de fondos propios da Comunidade para o seu financiamento, a convocatoria de 2024 sairá por 20 millóns de euros —10 millóns para o vindeiro exercicio e 10 millóns para 2025—.

Esta dotación permitirá chegar a un maior número de persoas (estímase que serán ao redor de 3.600 beneficiarios) pero, ademais, tamén se introducirán cambios substanciais nos criterios da futura orde que permitirán cubrir en determinados supostos “o 60 % do importe da renda mensual do alugueiro”, explicou a conselleira, cando ata o de agora a subvención era do 50 %.

Para tal fin e como novidade, incrementarase en 10 puntos a porcentaxe da axuda que lle correspondería en función dos seus ingresos cando a persoa solicitante pertenza a algún dos seguintes colectivos, tendo en conta as dificultades que adoitan ter á hora de acceder a un fogar: os menores de 36 anos, as familias numerosas e as monoparentais, os emigrantes retornados e todas as persoas que leven 1 ano ou máis inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida do IGVS.

Estas novidades no programa de axudas ao alugamento de vivendas permitirán que o seu funcionamento sexa “máis xusto e en función das necesidades” dos demandantes, indicou Vázquez, xa que se terán en conta tanto os ingresos como as circunstancias persoais e familiares dos solicitantes en lugar de facer unha repartición lineal.

Incentivos a promotores e axudas á rehabilitación

A vicepresidenta segunda asegurou que a Xunta é consciente de que “se precisa máis vivenda” na comunidade e por iso tamén hai incentivos para a construción e rehabilitación.

No marco do programa para promotores que impulsen vivendas destinadas ao alugueiro, aloxamentos temporais e tipo covivenda (cohousing), convocado o ano pasado por primeira vez en Galicia, en 2024 publicarase unha nova convocatoria por 8,2 millóns de euros, que terá unha liña específica para promover inmobles destinados a alugueiro. Como novidade, introduce que as vivendas se deberán destinar a arrendamento durante un período mínimo de 15 anos, fronte aos 20 anos que se exixían con anterioridade.

O importe estimado desta axuda será de 36.000 euros por vivenda e a contía elevarase ata os 42.000 euros en caso de que se lle dea opción de compra á persoa inquilina. A finalidade destes novos incentivos é animar os promotores públicos e privados a construír inmobles que contribúan a reforzar o parque residencial en alugamento.

Así mesmo, para apoiar a cidadanía na compra da súa vivenda habitual, con especial atención á mocidade, convocaranse tamén subvencións para a adquisición de vivendas en centros históricos (0,5 millóns de euros), de inmobles protexidos (1,05 millóns) e en municipios de menos de 10.000 habitantes (1,9 millóns), dirixida neste último caso, en exclusiva, a menores de 35 anos.

Ademais, manterase a liña de avais públicos da Xunta por un importe de ata 5 millóns de euros para apoiar a mocidade galega na compra da súa primeira vivenda.

No eido da rehabilitación, convocaranse de novo programas xa consolidados e de éxito como, por exemplo, as axudas destinadas a apoiar actuacións que melloren a accesibilidade tanto dentro das propias vivendas como no seu exterior, unha liña que en 2024 contará con 9,52 millóns de euros; ou as subvencións para rehabilitar vivendas de promoción pública, cunha dotación prevista de 1 millón de euros.

Ademais, por terceiro ano consecutivo, está previsto que se convoquen en Galicia os programas a nivel de edificio, a nivel de vivenda, a nivel de barrios e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, todos eles financiados con fondos europeos e que teñen como finalidade común axudar os particulares e as comunidades de veciños a mellorar a eficiencia e o confort dos seus fogares pola vía da rehabilitación enerxética.

O IGVS está á espera de que o Goberno central convoque as comunidades autónomas á conferencia sectorial en que se decidirá a nova repartición dos fondos europeos correspondentes á anualidade 2024, para poder concretar o importe polo cal se fará cada unha das novas convocatorias.

En todo caso, cómpre lembrar que Galicia foi unha das poucas comunidades que incorporou ás convocatorias que realizou en 2023 todos os fondos dispoñibles nese momento, para os efectos de facilitar a maior execución posible por parte dos particulares, xa que as actuacións subvencionadas con cargo ás axudas que están actualmente en fase de resolución se executarán, na súa maior parte, o ano que vén e os seguintes.

Rebaixa fiscal

E outra das novidades, tal e como explicaron o presidente da Xunta e a vicepresidenta segunda, é a baixada do Imposto de Tranmisión Patrimonial para a adquisición de inmobles que vaian ser obxecto de inmediata rehabilitación e que teñan ao rematar o uso de vivenda: o tipo xeral do 8% pasará a ser do 6%; e o tipo reducido do 6% que xa existe para vivendas que se atopen en zonas consideradas pouco poboadas (ZPP) pasará a ser do 4%.

 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023