A Xunta pon en valor a contribución da Lei de recuperación da terra á rendibilidade e continuidade das explotacións agrogandeiras e forestais

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou este mediodía en Miño na xornada sobre o proxecto de cooperación Leader Nó-Rural

Esta iniciativa, que busca fomentar o emprendemento e a empregabilidade da mocidade no rural, está promovida por cinco grupos de desenvolvemento rural e foi apoiada pola Xunta cunha axuda de máis de 81.000 euros
 

Miño (A Coruña), 23 de novembro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este mediodía na xornada sobre o proxecto de cooperación Leader Nó-Rural, centrado na dinamización do emprego e a recuperación das terras agrarias, que se desenvolve na localidade coruñesa de Miño.

Nesta iniciativa de colaboración participan cinco grupos de desenvolvemento rural (GDR). Trátase dos de Seitura 22, Mariñas Betanzos, Galicia Suroeste Eurural, A Limia-Arnoia e Terra Cha. O proxecto busca fomentar o emprendemento e mellorar a empregabilidade da mocidade no rural e recibiu unha axuda da Xunta de algo máis de 81.000 euros.

Na súa intervención neste acto, a directora xeral falou sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e os seus instrumentos, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario.

Todos eles, salientou, camiñan na liña de recuperar terra abandonada ou infrautilizada, para aportar base territorial ás explotacións e promover, en consecuencia, a súa rendibilidade e continuidade. O obxectivo último destas medidas, incidiu Santé, é o de traballar para facer fronte ao reto demográfico, propiciar o asentamento de poboación no rural e mellorar a súa calidade de vida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023