Ana Ortiz e Begoña Abeijón destacan o labor “integrador” de Igualarte na estrea do novo videoclip “Musgo”

A delegada territorial da Xunta en Vigo e a directora xeral de Persoas con Discapacidade salientan o traballo realizado pola Fundación

O grupo Chungo Pastel, integrado por usuarios do centro ocupacional, presentou a súa nova canción en colaboracióncon Fillas de Casandra e Paco Serén
 

Vigo, 23 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acudiron este xoves á presentación do novo videoclip elaborado polo grupo Chungo Pastel, integrado por usuarios do centro ocupacional da Fundación Igualarte.

As representantes autonómicas destacaron a importancia da labor integradora de Igualarte na formación de persoas con discapacidade cara un futuro profesional relacionado coas artes. Tamén apuntaron que este tipo de propostas contribúen a darlle visibilidade e a valorar como se merecen o enxeño e creatividade destas persoas.

O novo videoclip de Chungo Pastel, titulado “Musgo” e presentado na sede de Igualarte, foi realizado xunto ao grupo vigués Fillas de Cassandra e contou coa colaboración do produtor musical e exmembro dos Piratas, Paco Serén, aí como do gaiteiro Anxo Lorenzo. O videoclip foi dirixido e realizado por Santiago Iglesias.

Ana Ortiz puxo en valor o traballo que levan a cabo as entidades que traballan no ámbito da atención á discapacidade para “mellorar o benestar e a calidade de vida” deste colectivo, xa que lles “axudan a desenvolver ao cen por cen” as súas habilidades e capacidades.

Pola súa banda, Begoña Abeijón, que mantivo unha xuntanza previa cos reponsables da Fundación Igualarte, salientou que o centro ocupacional de Igualarte oferta desde o ano 2021 novas prazas financiadas pola Xunta, ata chegar a un total de 19 prazas subvencionadas nestas instalacións e que supoñen un investimento de máis de 120.000 euros ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023