O conselleiro do Medio Rural respondeu esta tarde unha pregunta no Pleno do Parlamento sobre esta cuestión

A Xunta sinala que o cambio na regulación do Consello Agrario Galego fíxose por razóns obxectivas para dar cabida ás asociacións con maior representatividade

José González aclarou que a representatividade mantense “inmutable”, xa que a composición deste órgano continuará sendo de 12 vogais, pero integrando nel catro membros da asociación con maior representatividade no conxunto do sector primario

Sinalou que a modificación supón un novo esforzo do Goberno galego por facer do Consello Agrario un verdadeiro órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración autonómica
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou esta tarde no Pleno do Parlamento as razóns que levaron á Xunta a modificar a regulación do Consello Agrario Galego. Así, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, González sinalou que o cambio fíxose para dar cabida neste órgano a aquelas asociacións que teñan maior representatividade no conxunto do sector primario.

Desta forma, o conselleiro aclarou que a representatividade mantense “inmutable”, xa que a composición deste órgano continuará sendo de 12 vogais, como ata o de agora. En concreto, engadiu, con oito vogais das organizacións agrarias máis representativas. Ocorre, como indicou José González, que orixinariamente existían tres organizacións agrarias máis representativas en Galicia, correspondéndolle a cada unha catro vogais. Porén, na actualidade só se atopan en activo dúas organizacións profesionais agrarias máis representativas e cada unha delas participa con catro vogais, sumando oito en total.

A maiores, segundo trasladou o conselleiro, súmanse catro vogais máis en representación da asociación con maior representatividade no conxunto do sector primario, é dicir, a que acadara maior número de representantes nas últimas eleccións aos consellos reguladores de Galicia.

Polo tanto, tal e como defendeu José González, a modificación está baseada en datos obxectivos e supón un novo esforzo do Goberno galego por facer do Consello Agrario un verdadeiro órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023