A Xunta pon en valor a rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego no acto de entrega do XXIV premio Emprende Coruña

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, salientou que xa hai once centros activos en Galicia e que en breve se porán en marcha catro máis para cubrir o cen por cento do territorio

Destacou tamén que o ano que vén se triplicará a contía do convenio con AJE Galicia -organizadores do premio que hoxe se entrega- para colaborar no pulo ao emprendemento no conxunto da Comunidade
 

A Coruña, 22 de novembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao,e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe no acto de entrega do XXIV Premio Emprende Coruña, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE-Galicia). Alí, puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o convenio subscrito coa entidade na mesma liña de impulsar o número de persoas emprendedoras.

Canto aos Polos, o secretario xeral recordou os once que están activos na actualidade, coa previsión de acadar os quince ao remate do ano para dar cobertura ao total do territorio galego. Na provincia da Coruña, precisamente, inaugurouse en datas recentes o de Melide, que se sumou aos xa en marcha de Ferrol e Coristanco.

Na Rede de polos, segundo recordou, préstaselle apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras interesadas, en calquera das fases en que se atope o seu proxecto, de principio a fin. Así, tamén se lles presta orientación para que comproben se a súa actividade é axeitada ou non para a contorna na que se queren localizar, co gallo de garantir o éxito.

Precisamente nesa liña de asegurar o acerto das iniciativas emprendedoras galegas, a Xunta -segundo recordou- triplicará o ano que vén a contía da colaboración con AJE Galicia. Esta cooperación inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas -tamén no ámbito da Rede de polos-, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023