A Xunta apoia con máis de 25.000 € aos praceiros do mercado de Vilanova de Arousa

Esta axuda permitirá facer un estudo de mercado e levar a cabo iniciativas de mentoring e formación
 

O total do investido nas prazas de abastos da área territorial de Pontevedra supera os 330.000 euros, dos cales preto de 120.000 quedaron na comarca do Salnés

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 22 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Mercado de Vilanova de Arousa, onde a administración autonómica investirá máis de 25.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos.

Esta axuda fai parte dos máis de 336.000 euros que se investiron na área territorial de Pontevedra e que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas de preto de 15 mercados. Na comarca do Salnés o seu importe é de preto de 120.000 euros.

Así, por un lado a Xunta achegará 14.500 euros ao Concello que serán investidos na elaboración dun estudo de mercado e en iniciativas de mentoring e formación para os traballadores. Por outro lado, a Asociación de Profesionais Umbrío da Praza de Abastos de Vilanova recibirá unha achega de máis de 11.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a súa visita para lembrar a importancia de modernizar os servizos prestados neste tipo espazos para atraer ao novo público e consolidar aos clientes habituais: “A Xunta de Galicia está comprometida co comercio de proximidade e está claro que os praceiros e praceiras ofrecen un servizo de gran calidade que temos que preservar”.

Neste sentido asegurou que as axudas da Xunta para a rede de Mercados Excelentes de Galicia supoñen “un impulso para que, tanto os concellos como os profesionais dos mercados e prazas de abastos poidan mellorar as súas infraestruturas e tamén, como neste caso, para que os propios traballadores poidan formarse e crecer profesionalmente”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023