A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático visitou a nova instalación localizada no porto de Brens, en Cee

Galicia amplía ata 157 a rede de estacións para rexistrar e prever as incidencias meteorolóxicas

Estas instalacións permiten medir parámetros como a temperatura, humidade relativa, precipitacións, vento, radiación solar, presión, etc.

Cee (A Coruña), 22 de novembro de 2023

Galicia amplía ata 157 as estacións meteorolóxicas para rexistrar e prever as incidencias meteorolóxicas, segundo explicou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez.

Durante a súa visita a estación meteorolóxica localizada no porto de Brens, no concello de Cee, a directora xeral subliñou que estas instalacións permiten medir parámetros como a temperatura, humidade relativa, precipitacións, vento, radiación solar, presión, etc. Estes datos, que quedan rexistrados cada 10 minutos, ademais de servir para realizar as predicións diarias por parte de MeteoGalicia, tamén están a disposición da cidadanía na páxina web do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Logo de agradecer a colaboración de Portos de Galicia para localizar esta estación en terreos da súa titularidade, Sagrario Pérez explicou que esta nova instalación incorpora unha nova sonda de temperatura e humidade relativa, un sensor de vento no alto dun mastro de 10 metros, unha sonda de presión, un piranómetro para medir a radiación solar global e dous pluviómetros.

A maiores, puxo en valor que esta estación permite rexistrar o vento de fondo da ría a nivel do mar polo que en tempo real -a través da web de Meteogalicia- se achega información ao centro de control das operacións de carga e descarga, o que permitirá definir as condicións de seguridade necesarias en cada unha das actividades que habitualmente se realizan no porto. E, ademais, subministrará datos relevantes para prever incidencias climatolóxicas nunha área onde hai catalogadas potenciais zonas de inundación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023