A Xunta leva a Monforte de Lemos a campaña ‘Ti elixes’ coa que promove a prensenza feminina en sectores masculinizados e busca rachar cos estereotipos

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe nunha charla con escolares do IES A Pinguela

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 inclúen 2,25 millóns para fomentar precisamente a presenza feminina en eidos económicos tradicionalmente ocupados por homes

A Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 ten entre os seus retos a análise dos estereotipos de xénero, e por outra banda, a difusión de boas prácticas educativas que fomenten a igualdade e reduzan estes esteretipos
 

Monforte de Lemos (Lugo), 22 de novembro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe nunha charla a escolares do IES A Pinguela no marco da campaña Ti elixes para o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados. 

Na súa intervención, Mancha fixo fincapé na importancia de elixir unha profesión polas habilidades que se teñan, as capacidades ou as mesmas motivacións, rachando cos estereotipos sobre que non poiden haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.

Ti Elixes é unha campaña audiovisual que está a desenvolver a Xunta por 75 centros educativos galegos para traballar no eido escolar no cambio de estereotipos de xénero que afectan a determinadas profesións, como é o sector das TIC, con menos presenza feminina. “O que queremos promover é que as profesións non son só de homes ou de mulleres”, apuntou.

A iniciativa, en concreto, estase a realizar en colexios de ensinanza secundaria que estean polo xeral situados próximos a institutos de formación profesional nos que se ofreza cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados. Na campaña participa persoal formador especializado en igualdade laboral e mulleres referentes que prestan servizos en sectores masculinizados, e que principalmente estudaron ciclos de FP de construción, metal, vinculados con actividades do mar, de primeira transformación da madeira, das Tics e granito.

Con este mesmo obxectivo, de romper cos estereotipos de xénero que existen á hora de elexir unha profesión, Elena Mancha destacou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o próximo ano 2024 recollen 2,25 millóns de euros para fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas, co obxectivo de formar e contratar unhas 300 mulleres.

En palabras de Mancha, o que se busca tamén con esta acción é cubrir as vacantes laborais de difícil cobertura como condutoras de camión, por exemplo, e romper coa fenda salarial, que moitas veces ven motivada polos tipos de traballo.

A axuda que se concederá con este programa será a equivalente ao custo da formación, prospección e contratación nos sectores que se determinen que teñan unha infrarrepresentación do sector feminino cun máximo por cada muller insertada de 7.500 euros (formación + axuda á contratación).

Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, referiuse á Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, a través da cal se fomenta a coeducación como estilo educativo nas aulas.

Nesta actividade perséguese, por unha banda, a análise dos estereotipos de xénero, e por outra banda, a difusión de boas prácticas educativas que fomenten a igualdade e reduzan estes esteretipos. “Trátase de accións encadradas na orientación vocacional que se leva a cabo na etapa de Secundaria con perspectiva de xénero e que contribúe á desaparición desta fenda no ámbito laboral”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023