Galicia Escena Pro celebrará a súa 11ª edición do 27 ao 30 de maio de 2024 en Santiago de Compostela

O mercado de artes escénicas, organizado pola Xunta e a asociación Escena Galega, volverá ofrecer catro días de actividade artística e profesional case ininterrompida en diferentes escenarios composteláns e espazos ao aire libre

A partir de marzo abriranse os períodos de inscrición de espectáculos e de profesionais para configurar o programa deste encontro, que busca dinamizar a contratación das producións galegas de teatro, danza, novo circo e maxia
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta de Galicia, xa ten datas para a súa 11ª edición, que se desenvolverá do 27 ao 30 de maio de 2024 en diferentes escenarios e espazos ao aire libre de Santiago de Compostela.

O encontro repite o modelo de organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, co fin de contribuír a dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, danza, novo circo e maxia a través de catro días de actividade artística e profesional. Con tal fin, volverá convocar os axentes culturais implicados nos procesos de creación, distribución e exhibición de teatro, danza, novo circo e maxia.

De feito, na súa edición de 2023 Galicia Escena PRO superou o medio millar de xuntanzas na que participaron máis de 180 profesionais acreditados. Entre eles, acudiron a Santiago os responsables de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de Galicia e do resto da península ibérica e dun cento de compañías galegas e empresas de produción e distribución. Como en anos anteriores, a carteleira de espectáculos abriuse tamén ao público xeral, sumando preto de 2700 espectadores.

Este programa de exhibición de montaxes en formato completo, xunto co das presentacións tipo pitching, volverá ocupar un lugar central nesta 11ª entrega do mercado, para o que está previsto que se abra a inscrición, tanto de propostas artísticas como de profesionais, a partir do vindeiro mes de marzo a través da web https://galiciaescenapro.gal/ .

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023