A Xunta pon o foco no rexeitamento da violencia de xénero cunha axenda de actividades que rematará nunha andaina á que invita a toda a sociedade galega

A XI andaina ‘Camiño ao Respecto’ celebrarase virtual e presencialmente e conta xa con case 5.000 persoas inscritas en ambas as dúas modalidades

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza un acto institucional no Castelo de Soutomaior en Pontevedra este sábado que terá como protagonistas persoas que traballan en contacto coas mulleres vítimas da violencia

Galicia conta desde esta semana cunha nova Lei da Igualdade que promoverá actitudes inclusivas no deporte, na cultura e outras esferas da vida
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

A XI andaina contra a violencia de xénero Camiño ao respecto porá o broche o próximo domingo 26 de novembro aos actos convocados pola Xunta de Galicia con motivo da conmemoración este sábado do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

O Goberno galego convida á sociedade a participar no percorrido que sairá ás 11,00 horas do Monte do Gozo en dirección á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. As persoas interesadas en tomar parte na andaina de xeito individual ou en grupo poden formalizar a súa inscrición na web https://andaina.caminoaorespecto.gal para recibir un dorsal personalizado no enderezo electrónico que aporten.

Un ano máis bríndase á sociedade galega a sumarse tamén á andaina de xeito virtual. Esta modalidade, instaurada en tempos de pandemia, mantense unha convocatoria máis para abrir o evento a galegas e galegos de todos os puntos da xeografía. Convídase ás persoas ou colectivos a que realicen os seus propios percorridos entre o 26 de novembro e o 3 de decembro e a que compartan os quilómetros camiñados e fotografías da saída e o dorsal a través das redes sociais co hashtag #CAMIÑOAORESPECTO ou por correo electrónico (contacto@caminoaorespecto.gal) ou Whatsapp (teléfono: 669 962 249).

Ata o momento, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa contabiliza case 5.000 persoas inscritas en ambas as dúas modalidades, presencial (650) e virtual (4.200).

A andaina será o colofón a unha semana de actos cos que a Xunta de Galicia está a reafirmar o seu compromiso contra a violencia de xénero. O sábado, 25 de novembro, coincidindo coa data simbólica de loita contra esta lacra, celebrarase un acto institucional no Castelo de Soutomaior, en Pontevedra. No mesmo darase protagonismo a representantes do ámbito educativo, sanitario, da comunicación, dos centros de información á muller e das forzas de seguridade que amosarán as súas reflexións para avanzar na prevención e na sensibilización sobre a violencia en contra das mulleres.

Este mesmo martes, e con encaixe na semana do 25-N, o Parlamento de Galicia aprobou a nova Lei de igualdade efectiva de mulleres e homes, que sitúa a Galicia á vangarda na loita contra calquera discriminación contra a muller. O texto definitivo incorporou máis de 200 alegacións realizadas por 52 entidades representativas, así como polos grupos parlamentarios. Este marco inclúe medidas concretas contra as discriminacións múltiples das mulleres con discapacidade; promove a creación de espazos urbanos seguros, libres de violencia sexual e de acoso, e dedica un capítulo ás mulleres que traballan nos sectores rural e marítimo-pesqueiro.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tamén compareceu ante a Cámara galega a propia iniciativa para informar dos compromisos que o seu departamento mantén no eido da igualdade e para combater a violencia contra as mulleres. En 2024 incrementarase un 14,46% o orzamento para combater esta problemática, con 23,5 millóns de euros para -primeiramente- continuar habilitando prestacións económicas para as vítimas. Para avanzar na promoción da igualdade, investiranse 27 millóns de euros en 2024 para actuacións a desenvolver en colaboración cos concellos e coas organizacións do terceiro sector.

Recoñecementos

A Xunta entregou tamén esta semana na Cidade da Cultura os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso escolar convocado co gallo do 25-N. Os once centros galardoados -da Coruña, Padrón, Lugo, Navia de Suarna e Vigo- resultaron primeiros nas diferentes categorías, nas que tamén foron recoñecidas pezas gráficas e audiovisuais de centros de Pontevedra, Nigrán, Chapela, Cospeito e Alfoz. O alumando fixo alarde do seu talento e creatividade, amosando o seu compromiso por un futuro libre de violencia.

Nos últimos días deuse a coñecer tamén o nome da galardoada co Premio Wonenburger deste ano, que recaeu na enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais desta mesma universidade (Cintexc), Concepción Paz Penín (Ferrol, 1969). A decisión comunicada polo último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta, tendo en conta a súa especialización nesta rama da ciencia e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023