A Xunta pon de relevo en Ortigueira que a nova Lei de igualdade impulsará a loita contra a violencia de xénero e contra calquera tipo de discriminación

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, onde destacou que en 2024 se elevará ata os 23,5 M€ o orzamento para a loita contra esta lacra

Ortigueira (A Coruña), 22 de novembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe en Ortigueira na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, onde destacou que a nova Lei de igualdade aprobada onte no Parlamento galego incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación.

Así, en referencia ao ámbito dos concellos, fixo fincapé en que se promoverán programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual. Tamén se incidirá en eidos como o da cultura e o do deporte, e reforzarase a igualdade no eido dixital, para combater calquera acción machista por medios tecnolóxicos, entre outras actuacións.

A tres días do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a secretaria xeral tamén salientou que en 2024 se incrementará un 14,46% con respecto a este ano o orzamento para combater esta lacra. En concreto, investiranse 23,5 millóns de euros en total para impulsar a sensibilización colectiva, a formación de profesionais, o asociacionismo ou a corresponsabilidade, e as axudas económicas e servizos de atención e acompañamento.

Ese presuposto inclúe -entre outros, segundo recordou Sandra Vázquez-, e no ámbito da colaboración cos municipios, as subvencións para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. A representante autonómica tamén aludiu aos case 11 millóns de euros que se convocarán o ano que vén para que as entidades locais avancen na prevención da violencia de xénero, na promoción da igualdade e da conciliación e no apoio aos centros de información á muller (CIM).  

Data de actualización: 22/11/2023