O presidente da Xunta mantén un encontro con Nüket Küçükel Exberci

Rueda recibe á embaixadora de Turquía en España co obxectivo de afianzar as relacións económicas entre Galicia e o país otomano

O obxectivo é reforzar os lazos comerciais e empresariais con este Estado ao que xa exportan máis de 400 compañías galegas

Santiago de Compostela, 21 de novembro 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde un encontro coa embaixadora de Turquía en España, Nüket Küçükel Ezberci, para reforzar os lazos comerciais e empresariais entre ambos territorios.

Durante a reunión, o titular do Goberno galego -acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo- e a embaixadora turca avaliaron as oportunidades que ofrece Turquía para o sector pesqueiro galego e a industria vencellada.

Ademais, tamén analizaron como afianzar as relacións económicas e empresariais noutros eidos tendo en conta que Turquía é un mercado grande, en crecemento e que ofrece oportunidades para empresas doutros territorios en asuntos como o transporte, a enerxía ou os bens de equipo.

Relacións comerciais

As exportacións de produtos de empresas galegas cara Turquía foron medrando durante os últimos cinco anos ata chegar a preto de 591 millóns de euros no 2022. Nese mesmo ano, un total de 419 compañías galegas venderon a este país europeo. O maior volume de exportacións realízase no sector da automoción, seguido do téxtil e a industria química.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023