O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, visita o centro educativo na véspera do Día da Música

Román Rodríguez enxalza o carácter integrador da orquestra Son das Flores do Colexio Vicente Risco de Vigo

Con este proxecto, ademais de adquirir coñecementos musicais, os seus 40 integrantes melloran a súa capacidade de traballar en equipo

Os estudantes participaron no concurso ‘Got Talent’ no mes de setembro

 

Vigo, 21 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Vicente Risco de Vigo para coñecer a Orquestra Son das Flores na véspera do Día da Música. “É un pracer coñecer aos integrantes desta agrupación que, a través da música, melloran a súa capacidade de traballar en equipo e reforzar valores como o respecto e a tolerancia”, destacou o titular de Educación, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Son das Flores naceu no ano 2021 da man da profesora de música do centro Sandra Fernández. Este proxecto musical, social e pedagóxico está composto por 40 rapaces de entre 6 e 12 anos dun total de 14 nacionalidades con seccións de violíns, violas, cellos e contrabaixos.

O proxecto, que acolle rapaces en situación de vulnerabilidade, fíxose especialmente coñecido despois do seu paso polo concurso Got Talent no mes de setembro e no que acadaron o voto positivo por unanimidade.

Integración do alumnado

Con este proxecto, o CEIP Vicente Risco traballa en mellorar a situación do alumnado que proven de condicións sociais con dificultades. “O labor que está realizando este centro educativo a través de Son das Flores e cun gran esforzo do profesorado axuda á integración do seu alumnado”, engadiu Román Rodríguez.

Este centro conta, ademais, con auxiliares de conversa e está integrado en numerosos proxectos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como E-Dixgal, Plan Proxecta, PROA+ e o Plan de Formación Permanente do Profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023