As rexións europeas debaten sobre como fomentar a participación democrática da xuventude

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu a un encontro do Comité Europeo das Rexións centrado neste obxectivo de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo

Na súa intervención sobre o programa de traballo da comisión CIVEX para 2024, Jesús Gamallo subliñou a importancia de incluír América Latina entre as prioridades no exterior
 

Bruxelas, 21 de novembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas no último encontro da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nun dos principais debates celebrados, os membros falaron sobre como fomentar o interese da xuventude na vida pública democrática.

Responderon así á Carta sobre Xuventude e Democracia, aprobada o ano pasado co apoio do CdR no marco do Ano Europeo da Xuventude e da Conferencia sobre o Futuro de Europa (CoFE). As 49 recomendacións que recolle están ideadas co obxectivo de promover a participación da mocidade nos procesos de toma de decisións dos tres niveis de gobernanza: o local e rexional, o nacional e o europeo.

Por ese motivo, aínda que poñendo especial atención nas eleccións ao Parlamento Europeo que terán lugar en xuño de 2024, os representantes das rexións europeas fixeron fincapé na importancia da inclusión da mocidade en todo tipo de procesos electorais. En palabras do director xeral, “os mozos e mozas son o futuro de Europa e, como tal, deben estar involucrados na construción de dito futuro”.

Neste eido, tamén cabe destacar o papel de Galicia como coordinadora das comunidades autónomas dentro do Consello da Unión Europea durante este segundo semestre do ano. A Xunta coordinou a posición común de cara ao fomento do rol da mocidade nos procesos democráticos. Precisamente, este xoves reuniranse os ministros do ramo para aprobar as conclusións políticas relativas a esta cuestión.

Galicia aposta pola colaboración con América Latina

O fomento da participación cidadá é dunha das prioridades políticas recollidas no borrador do programa de traballo da comisión CIVEX de cara a 2024, analizado tamén nesta xornada. Entre as cuestións que recolle o documento tamén están a ampliación da Unión Europea e o apoio a Ucraína desde unha perspectiva rexional, a construción de cidades e rexións inclusivas e resilientes no marco das novas políticas migratorias comunitarias, e a promoción dunha veciñanza europea máis ampla e da colaboración internacional.

As achegas de Galicia en relación con este programa de traballo tiveron unha boa acollida entre os membros da comisión CIVEX. Na súa intervención, o director xeral propuxo a celebración de debates con eurodeputados sobre temas clave de cara ás vindeiras eleccións ao Parlamento Europeo e subliñou a importancia de priorizar os lazos con América Latina nas relacións exteriores.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a reforzar a democracia europea.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023