O director do Instituto de Estudos do Territorio participou, por videoconferencia, nunha reunión dos participantes no proxecto Green Gap

Galicia acollerá en decembro a xornada de lanzamento do proxecto europeo Green Gap para o desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local

A finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

Galicia acollerá en decembro a xornada de lanzamento do proxecto europeo Green Gap para o desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local, tal e como se acordou hoxe na reunión dos socios participantes nesta iniciativa que coordina o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Durante a reunión, o director do IET, Enrique de Salvador, avanzou que a devandita xornada contará coa participación dunha ampla representación tanto do sector público como privado mediante mesas de debate nas que se exporán os obxectivos do proxecto xunto coas especificacións técnicas e xurídicas que alberga.

Nesa liña, o proxecto Green Gap Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais de Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na área transfronteiriza.

Cómpre lembrar que a finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Con este obxectivo, este proxecto europeo contempla actuacións concretas de formación e sensibilización das administracións locais para o deseño das infraestruturas verdes nos seus territorios e prevé o desenvolvemento de guías prácticas e metodolóxicas para a súa implantación. A maiores, segundo explicou o director do IET, tamén se establece un seguimento mediante indicadores e outras fontes de verificación dos territorios que se consideren afectados polos efectos negativos do cambio climático.

Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España - Portugal (POCTEP 2021-2027), participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Máis polo miúdo, por parte de Galicia participan a Universidade da Coruña, Concello de Pontevedra, Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués, forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Data de actualización: 21/11/2023