Martina Aneiros supervisa as obras da fase III do saneamento en Cabanas que supoñen un investimento da Xunta de 1,4 M€

Os traballos correspóndense coa 3ª fase das obras de mellora no saneamento da ría de Pontedeume, consistentes na execución de varios colectores de maior tamaño que os actuais.

Estas actuacións serán complementadas posteriormente coas obras de construción dun novo bombeo e un tanque de retención ás que se destinarán case 2,9 M€

A execución destas obras contribúe a eliminar os actuais vertidos á ría así como as infiltracións de augas mariñas e augas brancas que chegan á depuradora
 

Cabanas (A Coruña), 21 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, supervisou hoxe a execución das obras de mellora do saneamento de Cabanas.

Os traballos, que contan cun investimento de 1,4 M€, correspóndense coa 3ª fase das obras de mellora no saneamento da ría de Pontedeume, con actuacións neste caso no concello de Cabanas, consistentes na execución de varios colectores de maior tamaño que os actuais.

Tal e como recordou Aneiros, o obxectivo das obras é o de optimizar o funcionamento do sistema de tratamento de augas residuais que comparten os concellos de Pontedeume e Cabanas.

“O Goberno galego apoia con estas obras aos Concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias municipais de saneamento e depuración das augas; e, neste caso, con estas obras estase contribuíndo a eliminar os actuais vertidos á ría así como as infiltracións de augas mariñas e augas brancas que chegan á depuradora”, sinalou a representante da Xunta.

Estas actuacións serán complementadas posteriormente coas obras de construción dun novo bombeo e un tanque de retención ás que se destinará un investimento autonómico de 2,9 M€.

Aneiros aproveitou para lembrar que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan unha partida de 2,33 M€ para continuar con estas obras.

Retrasos provocados pola Dirección Xeral da Costa e o Mar

O Goberno galego ven de presentar no Consello da Xunta o “Informe sobre o impacto negativo das tramitacións ante a Dirección Xeral da Costa e o Mar, do Goberno de España, que dificultan os obxectivos de saneamento das rías galegas”, no que se pon de manifesto que a disparidade de criterios deste organismo estatal está a motivar dificultades técnico-administrativas para avanzar nas intervencións previstas pola Xunta de Galicia. Un dos exemplos destas actuacións hidráulicas que veñen acumulando demoras é o caso do acontecido en Cabanas onde se precisaron 22 meses para que se coñeceran as condicións que facían inviables as obras.

Estas dificultades da Dirección Xeral da Costa e o Mar nos trámites da Xunta tamén suporán a perda de 35 M€ de fondos europeos consignados no período operativo 2014-2020 para o saneamento das rías. Trátase do 40% dos fondos asignados a Augas de Galicia neste intervalo de tempo.

Por outra banda, a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia contempla as disposicións normativas necesarias para interpretar a lexislación de costas en concordancia coas singularidades das rías galegas. Non obstante, a suspensión polo Tribunal Constitucional da vixencia e aplicación destes artigos impide levar as tramitacións en materia de costas aos termos razoables que exixe a realidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023