A Xunta firma o contrato do proxecto para construír o novo Centro de Asociacionismo de Vigo

O delegada territorial, Ana Ortiz, destaca que o Goberno galego destina un investimento de 12,1 millóns á rehabilitación do edifico dos xulgados da rúa Lalín

O arquitecto vigués Alfonso Penela será o encargado da reforma do inmoble para converterse na casa das asociacións viguesas no barrio das Travesas

As novas instalacións contarán con 134 dependencias, un auditorio con aforo para 400 persoas e ágoras centrais cada dúas plantas cun hall para actos

Vigo, 21 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou a firma este pasado luns do contrato do proxecto para construír o novo Centro de Asociacionismo de Vigo no antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín. A representante autonómica destacou que o Goberno galego investirá 12,1 millóns de euros na rehabilitación que foi adxudicada ao arquitecto vigués Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG).

O proxecto reutilizará o 95% da estrutura xa existente e dotará ao inmoble da rúa Lalín de 134 dependencias e dun auditorio con aforo para 400 persoas. Ademais, tamén levará a cabo a apertura de ágoras centrais cada dúas plantas cun hall para actos e os locais organizados e dispostos en forma de anel.

“Estamos ante un exemplo de actuacións que verdadeiramente fan cidade e recuperan o noso patrimonio, sempre establecendo liñas de colaboración cos actores sociais e outras administracións e entidades públicas coa finalidade de reverter o seu uso á cidadanía”, sinalou Ana Ortiz. 

A representante autonómica tamén explicou que se habilitarán locais na planta baixa e na primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos.

As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,1 millóns de euros.

O cronograma da rehabilitación marca decembro de 2023 como data para recibir o anteproxecto e xaneiro de 2024 o prazo de entrega do proxecto básico. A licitación da obra será na vindeira primavera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023