A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou a planta situada en Gabenlle para supervisar as obras que se están a executar para mellorar o abastecemento de auga

A Xunta rematará en xuño a mellora da potabilizadora da Laracha, que permitirá incrementar a capacidade de bombeo nun 50% e do depósito nun 130% cun investimento de 1,8 M€

Vázquez Mourelle sinala que o obxectivo é solucionar os problemas de presión nalgunhas zonas e mellorar a capacidade para ser máis resilientes en períodos de escaseza, ademais de permitir abastecer, no futuro, tamén ao parque empresarial do municipio

Para iso instalarase un bombeo de 60 l/s fronte ao de 40 l/s actual; un depósito de dobre vaso con capacidade de 2.300 m³, fronte aos 1.000 m³ de hoxe; e unha impulsión entre a potabilizadora e o novo depósito

As obras, que comezaron a finais de outubro, centráronse ata agora na preparación do terreo e continuarán esta semana coa gabia drenante baixo o depósito

Este mes comezará a obra do novo depósito e a cámara de chaves e a inicios de ano empezará execución das impulsións e a rede de condución entre os dous depósitos

A conselleira lembra que a actuación é froito da colaboración entre a Xunta, que executa as obras e achega o 80% do financiamento, 1,5 M€, e o Concello, que financia o outro 20%

Subliña outras intervencións no municipio, como a mellora de paradas de autobús na estrada AC-552 ou a senda O Cancelo-Proame, que rematará a finais de ano cun orzamento autonómico de 1,5 M€

A Laracha (A Coruña),  21 de novembro de 2023

A Xunta rematará en xuño a mellora da potabilizadora da Laracha que permitirá incrementar a capacidade de bombeo nun 50% e do depósito nun 130% cun investimento de 1,8 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde, José Manuel López Varela, visitou hoxe a potabilizadora de Gabenlle para supervisar o avance das obras que está a executar a Xunta para mellorar o abastecemento de auga ao municipio.

Remarcou que o obxectivo é solucionar os problemas actuais de presión que hai nalgunhas zonas e mellorar a capacidade de almacenamento para ser máis resilientes fronte a eventuais períodos de escaseza, atender a demanda de auga en época estival e poder abastecer, no futuro, tamén ao parque empresarial do municipio.

Para reparar as deficiencias e a falta de capacidade da actual planta, procederase a ampliar tanto a potabilizadora como o depósito de cabeceira, e executaranse as correspondentes impulsións.

Neste sentido, instalarase un novo bombeo en alta de 60 l/s, fronte ao de 40 l/s actual; construirase un depósito de auga potable con dous vasos independentes pero capacidade total de 2.300 m³ para almacenamento de 24 horas de consumo, fronte aos 1.000 m³ do actual; e executarase unha rede de impulsión entre a potabilizadora e o novo depósito.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou que estas obras, que comezaron a finais de outubro, se centraron ata agora na preparación do terreo e continuarán esta semana coa execución da gabia drenante baixo o depósito e outros traballos nesta contorna.

Avanzou que neste mesmo mes comezará a obra civil do novo depósito e a cámara de chaves, intervencións que se prolongarán aproximadamente ata marzo. De xeito paralelo, a comezos de ano, empezarase coa execución das impulsións e a rede de condución entre os dous depósitos, entre o actual e o novo; e tamén se traballará nas instalacións da cámara de chaves.

Despois acometerase o bombeo en alta e, unha vez realizados os traballos de ampliación da potabilizadora e do depósito de cabeceira xunto coas conducións, levaranse a cabo as tarefas de reposición e de urbanización.

Ethel Vázquez apuntou que, seguindo esta programación e tendo en conta o prazo de execución de 8 meses, a intervención estará rematada a comezos do próximo verán.

Lembrou que esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta, que achega o 80% do financiamento, arredor de 1,5 M€, e executa as obras; e o Concello da Laracha, que financia o 20% restante e a realiza todos os trámites municipais necesarios.

Esta intervención conta con financiamento da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia.

A conselleira puxo en valor outras actuacións no municipio como a mellora de accesibilidade e a seguridade que está a levar a cabo a Xunta en 32 paradas na estrada autonómica AC-552 ao seu paso pola Laracha, Arteixo e Carballo, cun orzamento global de 1,3 M€.

Ademais adiantou que a finais de ano rematará a senda entre O Cancelo e Proame coa que se completará un itinerario peonil continuo de máis de 7km na AC-552, cun investimento de 1,5M€.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023