O conselleiro do Medio Rural interveu no Pleno do Parlamento con motivo do debate de toma en consideración deste texto legal

A Xunta destaca que a Lei da calidade alimentaria pechará o seu marco normativo que impulsa tamén as estratexias de recuperación e prevención no rural

José González sinalou que este ciclo complétase -baixo o paraugas da planificación- coa Lei de recuperación da terra agraria, coa futura norma de loita integral contra os incendios, co Plan Forestal e coas estratexias sectoriais do leite, o viño e a carne

Definiu a lei como elemento clave na aposta da Xunta pola calidade das nosas producións e que “consolidará nos mercados, e con todas as garantías para os consumidores, os alimentos producidos, elaborados e comercializados en Galicia”

Indicou que é preciso acometer unha adaptación da normativa á situación actual, tendo en conta os cambios na produción e comercialización alimentaria, a incorporación de novas tecnoloxías ou o incremento dos intercambios entre países
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

A Lei da calidade alimentaria de Galicia “pechará o ciclo do noso marco de ordenación e normativo para o rural galego, que nos permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a propia calidade”. Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, no Pleno do Parlamento, con motivo do debate de toma en consideración desta norma.

Segundo explicou González, este ciclo complétase -baixo o paraugas da planificación- coa Lei de recuperación da terra agraria, en vigor dende maio de 2021 e que favoreceu a mobilización de arredor de 10.000 hectáreas, e coa futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, na que se está traballando en estreito contacto cos profesionais deste eido. Asemade, neste contexto normativo e de planificación, o conselleiro situou tamén a revisión do Plan Forestal de Galicia ou as estratexias sectoriais que a Xunta puxo en marcha para o lácteo, o viño e a carne.

En relación coa Lei da calidade, o titular de Medio Rural definiu esta norma como un elemento fundamental na aposta do Goberno galego a prol da calidade das nosas producións e que contribuirá a “terminar de consolidar nos diferentes mercados, e con todas as garantías para os consumidores, os produtos alimentarios producidos, elaborados e comercializados en Galicia”.

Á hora de debullar os contidos da lei e defender a súa pertinencia, o conselleiro empezou indicando que se trata de “actualizar e de mellorar un marco normativo que data de 2005 e que cómpre adaptar á nova realidade”. Así, engadiu que é preciso acometer unha adaptación da normativa á situación actual, tendo en conta os cambios experimentados na produción e comercialización alimentaria, a incorporación de novas tecnoloxías e formas de comercialización, así como o incremento dos intercambios entre países.

Galicia, pioneira na certificación de sustentabilidade alimentaria

Nesta liña, José González salientou que, grazas a esta norma, Galicia converterase na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria. Será -destacou- pioneira nesta materia, cun sistema totalmente voluntario e facilmente recoñecible para aqueles produtos que respecten escrupulosamente o medio ambiente, a propia calidade e a seguridade alimentarias, así como a protección dos traballadores e da cidadanía e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, con especial atención aos operadores primarios.

Ao tempo, o conselleiro trasladou que a nova norma fomentará máis garantías, maiores controis de calidade e un especial coidado no proceso de produción e comercialización dos produtos. Para isto, dixo tamén, afondarase na profesionalización dos consellos reguladores que, precisamente, adquiren especial relevancia polo seu labor de protección, fomento e desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada.

Así, estes órganos constituíranse como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada –especialmente os de menor tamaño–. Terán que presentar un plan de promoción da figura de protección da calidade diferenciada que xestionen, fixando obxectivos e estratexias. Isto permitirá, ademais, contribuír á delimitación entre calidade estándar -relacionada co cumprimento de normas obrigatorias- e calidade diferenciada -vinculada con normas de carácter voluntario-.

Reforzo da participación do sector

Por outra banda, González apuntou que a futura lei reforzará tamén a participación do sector, con novidades como a creación do Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. Así, o primeiro encargarase de asesorar sobre os plans estratéxicos e proxectos normativos, formulará propostas para a mellora da actividade económica, do emprego e da formación no sector e proporá liñas de investigación e estudo. O segundo terá -entre outras funcións- as de propoñer actuacións de promoción da calidade, garantir a participación dos sectores representativos da calidade alimentaria diferenciada ou identificar tendencias do mercado.

Outro aspecto novidoso destacado polo conselleiro ten que ver co reforzo da aposta pola compra ou contratación pública verde de produtos alimentarios cun impacto ambiental reducido. Desta forma, darase prioridade a produtos de cooperativas agrarias, de organizacións cun 50 % ou máis de mulleres asociadas ou de persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social. Nesta liña, González avanzou que, para efectuar esta compra pública socialmente responsable, a Xunta publicará unha guía de procedemento, na que se recollerán as condicións ou criterios sociais, ambientais e de calidade alimentaria que resulten axeitados e garden vinculación co obxecto do contrato.

 

Adaptación á realidade

A maiores, o conselleiro subliñou que a nova norma fai unha profunda revisión do catálogo de infraccións e do procedemento sancionador, adecuándoo á realidade actual e tendo en conta, entre outras cuestións, o cada vez maior volume de vendas a través de páxinas web e mediante o comercio electrónico. Neste sentido, José González apostou por ser “totalmente rigorosos cos controis das producións” para salvagardar a calidade e porque -advertiu- “os produtos de calidade diferenciada son puntais da riqueza xerada en Galicia e calquera esforzo é pouco para lograr que adquiran unha nova dimensión”.

Na súa intervención no Pleno, o titular de Medio Rural agradeceu ademais aos diferentes grupos parlamentarios as súas aportacións para o que resta de tramitación da lei, así como as diversas achegas do sector. En relación con estas últimas, puxo en valor o feito de que durante o trámite de audiencia se presentaran máis dun cento de alegacións, das que ata 86 se tiveron en conta e implementaron no corpo da norma.

Data de actualización: 21/11/2023