A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse coa alcaldesa da localidade

A Xunta e o concello de Vilariño de Conso avalían o proxecto municipal para rehabilitar inmobles na rúa San Martiño e destinalos a vivendas

Estudaron a iniciativa municipal para a posta en valor do foxo do lobo de Chaguazoso

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Vilariño de Conso avalían vías de colaboración para levar a cabo a rehabilitación de 2 inmobles na rúa San Martiño para destinalos a vivendas. Este proxecto municipal foi analizado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Melisa García, nunha reunión que mantiveron recentemente.

Durante o encontro, a vicepresidenta segunda explicou á rexedora a posibilidade de optar a unha nova convocatoria das axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, dado que o concello ten menos de 20.000 habitantes. Neste caso, as axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada.

Por outra banda, a alcaldesa tamén lle trasladou a Ángeles Vázquez a iniciativa do Concello para poñer en valor o Foxo do Lobo de Chaguazoso para garantir a súa conservación dado o seu valor patrimonial e etnográfico. Cómpre lembrar que se trata dunha construción tradicional empregada en ámbitos gandeiros para a caza do lobo ou outros depredadores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023