A praza de Abastos de Santiago de Compostela acolleu este sábado a final desta categoría

A Xunta premia as creacións culinarias de tres mozos na final do Xuventude Crea na especialidade Cociña

O primeiro premio foi para o santiagués Víctor Frank Calvo Estévez, o segundo para a noiesa Tania Castelo Martínez e o terceiro para o coruñés Ramón Calvo Estévez, irmán do gañador

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia premia o talento e a creatividade da mocidade galega na final de Cociña do programa Xuventude Crea 2023. Este sábado celebrouse a final desta categoría na praza de Abastos de Santiago de Compostela na que o santiagués Víctor Frank Calvo Estévez resultou o gañador polo seu prato ‘Bao de mar con mariscos do mercado e emulsión de limón’.

O segundo premio foi para a noiesa Tania Castelo Martínez pola súa elaboración de ‘Filloas de Treboada’ e o terceiro galardón recaeu no coruñés Ramón Calvo Estévez e o seu prato ‘Carpaccio de volandeira y fresas en textura’ e irmán do gañador. O xurado puido escoller entre oito pratos que foron elaborados en directo na propia praza de Abastos.

Durante estes días o Goberno galego está a entregar os galardóns desta nova edición do Xuventude Crea que premia o talento da mocidade en catorce disciplinas. Os gañadores recibirán un premio en metálico de 3.000 euros, o segundo clasificado levará 1.500 euros e a dotación económica para o terceiro é de 1.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023