A Xunta impulsará en 2024 a presenza de mulleres en sectores fortemente masculinizados con incentivos que superarán os 2 millóns de euros

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, clausurou a xornada ‘Impacto da Igualdade’ organizada pola Cámara de Comercio da Coruña

Destacou o compromiso da Administración autonómica para formar e animar a contratación de mulleres en sectores con ampla presenza de homes

O programa de emprendemento feminino Emega seguirá a animar as iniciativas empresariais de mulleres tras 27 anos de traxectoria apoiando proxectos que permitiron crear ou manter 3.500 empregos de mulleres

A Coruña, 20 de novembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, clausurou a xornada Impacto da igualdade organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, para o fomento do liderado feminino e a igualdade de oportunidades co obxectivo de visibilizar referentes empresariais que destaquen polas súas boas prácticas. A Xunta de Galicia seguirá a avanzar na igualdade laboral e de oportunidades en 2024 con iniciativas para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados ou ao emprendemento, que puxo en valor a representante da Xunta.

Vázquez destacou o novo plan que estreará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade o ano que vén para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas. Tal e como indicou, o Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros a formar e contratar mulleres para que se incorporen a estes sectores.

O emprendemento feminino será outro dos focos aos que este departamento autonómico prestará atención. Este 2023 a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas para crear e consolidar 800 empregos ocupados por mulleres. Esta iniciativa, Emega, que conta con 27 anos de traxectoria, supuxo neste tempo un investimento de máis de 23 millóns para apoiar proxectos empresariais femininos que crearon 2.400 postos novos e mantiveron case 1.100.

Tal e como describiu a secretaria xeral da Igualdade, a Xunta implantará en 2024, por outra banda, a cota cero para todas as novas altas de autónomos entre o 30 de setembro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024 e durante doce meses.

Esta medida, á que poden optar as novas autónomas, sumarase ao reforzo do programa de Promoción do emprego autónomo xa existente e elevará ata case os 29 millóns de euros os apoios para as traballadoras e traballadores por conta propia con actividades que botan a andar.

Vázquez indicou, para rematar, que “a Xunta cre na importancia da independencia económica das mulleres e, por iso, está a apoialas con axudas para atopar un emprego ou a través do emprendemento co obxectivo de que poidan se máis líderes e libres”.

“Encontros como o promovido hoxe pola Cámara de Comercio da Coruña axudan a visibilizar referentes inspiradoras das que poden tomar nota nenas e mozas con vocación emprendedora nos sectores que lles resulten atractivos, sen barreiras”, concluíu a secretaria xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023