O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, reuníronse co presidente desta entidade, Daniel Ferreiro

A Xunta impulsa coa interprofesional láctea INLAC o fomento do consumo de leite e dos seus derivados coa marca Origen España

O Goberno galego insta a esta entidade a desenvolver unha acción promocional co fin de incentivar o consumo destes produtos do noso país tendo en conta a súa calidade, as súas vantaxes para a saúde e a importancia deste eido produtivo

Na reunión avaliouse tamén a situación e perspectivas de futuro do sector leiteiro tanto no ámbito internacional como nacional e galego
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo unha xuntanza co presidente da Interprofesional Láctea (Inlac), Daniel Ferreiro.

A reunión serviu en primeiro lugar para repasar a situación e perspectivas de futuro do sector leiteiro tanto no ámbito internacional como nacional e galego. Os representantes da Xunta incidiron no papel protagonista de Galicia neste eido, xa que a nosa comunidade consolídase como referente da produción de leite, acumulando arredor do 42% do total nacional.

Nesta mesma liña, no encontro avanzouse no impulso ao sector e, concretamente, na posta en marcha por parte da Inlac dunha campaña para fomentar o consumo de leite e dos seus derivados. Así, ínstase a esta entidade a desenvolver esta acción promocional co fin de incentivar entre a poboación en xeral, a través dos medios de comunicación, o consumo de leite producido no noso país e amparado pola marca Origen España, tanto pola súa calidade e polas súas indubidables vantaxes para a saúde como pola importancia que ten este eido produtivo no rural nacional en xeral e, moi especialmente, no galego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023