Ana Ortiz defende a formación nas idades máis temperás para loitar contra a violencia de xénero e fomentar a igualdade

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo visitou este luns as instalacións de Mulleres en Igualdade con motivo dos actos do vindeiro 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Vigo, 20 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este luns unha xuntanza coas responsables da Asociación Mulleres en Igualdade con motivo dos actos do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A representante autonómica animou ao colectivo a continuar traballando para erradicar calquera tipo de violencia e fomentar a igualdade.

“A única cifra admisible de vítimas é cero, e para iso temos que fomentar a formación e a educación desde as idades máis temperás, co obxectivo de ensinar a nenos e nenas o respecto pola igualdade e o rexeitamento de todo tipo de violencia”, apuntou a delegada territorial.

Ana Ortiz  tivo oportunidade de coñecer os novos proxectos e a actividade que está a desenvolver a asociación na cidade. Neste contexto, a representante autonómica sinalou que a colaboración coas distintas entidades faise imprescindible para, entre todos, acabar coa violencia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023