A Xunta patrocina o arranque da derradeira xira de Leilía e o peche da de Xisco Feijoó con ‘Peixe’

Tras 34 anos nos escenarios, as cantareiras culminan a súa despedida cunha serie de concertos o día 26 a Ferrol e o 2 de decembro á feira Culturgal de Pontevedra

Xisco Feijoó contará con varias colaboracións especiais nos seus directos do día 29 en Lugo e o 1 de decembro en Vigo, cos que lle pon fin á presentación do seu proxecto musical en solitario
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

Leilía e Xisco Feijoó protagonizarán nos vindeiros días catro das citas máis destacadas na axenda musical deste outono en Galicia, para as que contan co patrocinio da Xunta. No primeiro dos casos, apóiase o arranque da derradeira xira das cantareiras, que culminarán así a súa despedida do público tras 34 anos sobre os escenarios, mentres que a colaboración con Xisco Feijoó céntrase nos dous concertos cos que pechará a presentación de Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario.

Anque me vou non me vou é o título da xira de despedida de Leilía, dentro da que o vindeiro día 26 actuará no Teatro Jofre de Ferrol, con entrada de balde, e o 2 de decembro farano no Pazo da Cultura de Pontevedra no marco da programación da feira Culturgal. Os billetes para este segundo directo xa están á venda na web https://culturgal.moncake.com/entradas/.

Con máis de tres décadas de traxectoria, seis discos publicados, numerosos recoñecementos e milleiros de quilómetros percorridos de escenario en escenario, Leilía forma parte xa do imaxinario colectivo galego como referente na difusión da música tradicional galega e do papel das mulleres na conservación e transmisión deste legado.

Nestas actuacións, o grupo interpretará algúns dos seu temas máis emblemáticos cos do seu último disco, Vidas cantadas, que veu a luz este mesmo ano.

Pola súa banda, o cantareiro e bailador Xisco Feijoó poralle fin a dous anos de xira de Peixe con dúas últimas citas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo o día 29 e no Teatro Afundación de Vigo o 1 de decembro. Ademais de coa súa banda habitual, contará en escena coas colaboracións especiais de artistas como Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras de O Fiadeiro ou a chelista estadounidense Natalie Haas. En ambos casos, as entradas poden adquirirse xa nas respectivas plataformas de venda en liña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023