A Xunta financia con preto de 654.000 € cinco programas integrados de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de resolver a convocatoria da anualidade 2023-2024 que conta cun orzamento de 10,2 M€ para toda Galicia e que permitirá poñer en marcha 49 PIE

Ferrol, 20 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia financia este curso con 653.514 euros cinco programas integrados de emprego (PIE) que terán nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal os seus ámbitos de actuación. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución da convocatoria pola que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualade aprobou conceder este programa na anualidade 2023-2024 á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e ao Concello das Pontes, no apartado de Concellos; así como á Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), á Asociación Inserta Innovación e á Confederación galega persoas con discapacidade (Cogami), na liña de entidades sen ánimo de lucro.

Á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol concedéuselle unha achega autonómica de 165.000 euros para o desenvolvemento dun programa integrado de emprego exclusivo para mulleres e cuxo ámbito de actuación abarca os municipios de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

Pola súa banda, o Concello das Pontes verase beneficiado doutros 98.010 euros de subvención autonómica para financiar outro programa integrado de carácter xeral e cuxo ámbito de actuación inclúe tamén aos concellos das Somozas e da Capela.

Entidades sen ánimo de lucro

No apartado de entidades sen ánimo de lucro, este ano concedéuselle un programa integrado de emprego á Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), cuxo ámbito abrangue tamén varios municipios da contorna como Ferrol, Narón, Neda, Fene, Ares e Mugardos. Nesta ocasión a achega autonómica ascende a 165.000 euros.

Pola súa banda a Asociación Inserta Innovación percibiu unha subvención doutros 165.000 euros para o desenvolvemento doutro PIE que terá Ferrol un dos seus ámbitos de actuación. Finalmente, a Confederación galega de persoas con discapacidade (Cogami) verase beneficiada dunha achega de 60.504 euros para financiar outro PIE que abranguerá, entre outros, os municipios de Ferrol, Narón, Fene e Pontedeume.

Esta convocatoria conta cun investimento que supera os 10,2M€ para toda Galicia o que permitirá poñer en marcha estas actuacións enfocadas á inserción laboral das persoas sen emprego en 30 entidades sen ánimo de lucro e 19 concellos, “para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.900 persoas desempregadas”, puntualizou a delegada territorial.

Un 35% mínimo de inserción laboral

En cada un dos PIE tomarán parte 100 persoas desempregadas. Polo menos o 35% serán inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea (mínimo de 90 días de cotización en vida laboral a xornada completa ou 60 días a xornada parcial); por conta propia (iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade), ou como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

Ademais coa finalidade de incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións, a delegada territorial lembrou que a Xunta ofrece bolsas que, na presente anualidade elevan o seu importe dos 7 euros aos 10 euros por día. O Goberno galego tamén asume os custos salariais do persoal necesario para impartir os PIE, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

Data de actualización: 20/11/2023