A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde, José Manuel Castro, o convenio de colaboración para materializar as obras

A Xunta colabora co concello dos Blancos para mellorar as instalacións de depuración municipais

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as actuacións recollidas no acordo, cun investimento que ascende a case 48.000 €

O Concello dos Blancos executará as obras previstas, que consisten en acondicionar as instalacións de depuración nos lugares de Fonte Arcada e Vilar

O obxectivo é mellorar a calidade das augas residuais e as condicións ambientais da zona

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de forma eficiente e responsable as súas competencias de saneamento e abastecemento

Ourense, 18 de novembro de 2023

A Xunta colabora co Concello dos Blancos para mellorar as instalacións de depuración municipal.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde, José Manuel Castro, o convenio de colaboración para materializar estas actuacións. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O obxecto do convenio asinado é establecer as condicións para a colaboración entre ambas as administracións que permitan ao Concello dos Blancos acometer a mellora do sistema de depuración en distintos puntos e incorporar, posteriormente, ao patrimonio público municipal as citadas instalacións.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financiará integramente os traballos previstos no convenio, cun investimento que ascende aos 47.822,47 €.

Segundo fixa o acordo, corresponderalle ao Concello dos Blancos a execución das obras previstas para optimizar os sistemas de depuración de Fonte Arcada e de Vilar co fin de mellorar a calidade das augas residuais e as condicións ambientais da zona.

Concretamente, para a mellora do sistema de depuración en Fonte Arcada procederase á desmontaxe e demolición do actual decantador-dixestor e filtro biolóxico, ademais do sistema de depuración compacto existente. Executarase un novo sistema de depuración aproximadamente a 50 metros do leito do regato de Fonte Arcada que consistirá nunha fosa-filtro compacta cun volume total de 18.000 litros, 2 metros de diámetro e 6,23 metros de lonxitude. Estas instalacións prestarán servizo a unha poboación equivalente de 59 habitantes.

No núcleo de Vilar, igualmente, demolerase o sistema actual de depuración consistente nun decantador-dixestor e un filtro biolóxico, así como a obra civil de formigón. O novo sistema afastarase da zona de servidume do regacho Penadrade, construíndose aproximadamente a 15 metros do leito. Consistirá tamén nunha fosa-filtro compacta de poliéster reforzado con fibra de vidro cun volume total de 22.500 litros, 2,50 metros de diámetro e 5,12 metros de lonxitude. A instalación servirá a unha poboación de 71 habitantes equivalentes.

A Xunta de Galicia segue prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de forma eficiente e responsable as súas competencias de saneamento e abastecemento e proporcionar servizos de calidade aos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023