Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo planifican o Certame de Rondallas que reunirá no Ifevi a 15 agrupacións

A delegada da Xunta en Vigo e o director xeral de Cultura avanzaron os detalles da sexta edición da exhibición que se celebrará o vindeiro 14 de xaneiro

Vigo, 17 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantiveron este venres unha xuntanza para planificar os preparativos da sexta edición do VI Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo que se celebrará o vindeiro mes de xaneiro co apoio do Goberno galego, que eleva a súa achega económica respecto das anteriores edicións.

Os representantes autonómicos acordaron cos representantes das quince rondallas o impulso da Xunta a este evento. “Trátase dun espectáculo único en Galicia que amosará un ano máis a vitalidade da cultura tradicional e de base na nosa comunidade”, subliñou Ana Ortiz.

Tanto a delegada como o director xeral de Cultura invitaron a todos os veciños de Vigo e da súa contorna a acudir en xaneiro ao Ifevi para converter o evento nun escaparate da cultura tradicional.

Neste VI Certame de Rondallas da Área de Vigo participarán un total de 15 agrupacións, cinco delas da cidade de Vigo (Valladares, Beade, Helios de Bembrive, Zamáns e Freixo), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas do Porriño (Pontellas e Atios), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada) e unha de Tui (Pexegueiro).

En total, as quince agrupacións contarán con aproximadamente 1.200 rondalleiros participantes e o Ifevi disporá dun aforo de 7.000 persoas, contando as bancadas do pavillón e as cadeiras que se instalarán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023