A Xunta aposta por políticas transversais en vivenda ou emprendemento para dinamizar localidades rurais como Melide

Ángeles Vázquez avanza que o seu departamento estudará as posibilidades de desenvolver solo industrial no municipio así como a súa mellor localización

Melide (A Coruña), 17 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento de políticas transversais que favorezan o asentamento de xente nova no rural e o impulso da actividade económica na súa contorna. Así llo trasladou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos responsables do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Melide.

Entre as actuacións dirixidas a este obxectivo atópanse as relacionadas coa vivenda —como axudas para a adquisición, recuperación ou rehabilitación de inmobles, entre outras— ou as destinadas á creación de novos negocios apoiando o emprendemento a través da posta a disposición de solo industrial urbanizado e con todos os servizos.

No caso de Melide, a vicepresidenta segunda avanzou que o seu departamento estudará as posibilidades de desenvolver novo solo industrial no municipio coruñés así como a localización máis idónea e axeitada ás súas necesidades. As conclusións deste estudo incorporaranse despois ao novo Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia e entón, segundo sinalou, o Goberno local terá que decidir que facer coa modificación proposta.

Neste mesmo eido, Ángeles Vázquez salientou tamén que desde o ano 2015 a Xunta mantén unha política de bonificacións dun 30% ou dun 50% no prezo de venda das parcelas dispoñibles nos seus polígonos, incentivos que manterá o vindeiro ano cunha partida reservada de 5 millóns de euros e que teñen demostrado a súa eficacia para o asentamento de novos proxectos empresariais e a ampliación doutros xa existentes.

Ademais, a vicepresidenta segunda lembrou que o Goberno galego seguirá facilitando en 2024 o acceso á vivenda como demostra o feito de que case un de cada dous euros destinados a investimentos nos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) vaian destinados a actuacións neste eido.

A estas medidas engádense outras como a recente creación do polo de emprendemento de Melide, o undécimo de Galicia e o único existente na contorna de Santiago de Compostela. Este tipo de entidades teñen como finalidade mellorar a economía no eido rural, unha estratexia que, salientou Ángeles Vázquez, pretende garantir a calidade de vida das galegas e galegos e unha adecuada prestación de servizos aos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023