A Xunta enxalza o valor da comunicación e o márketing na innovación, a competitividade e a cultura

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na entrega dos ‘VIII Premios Paraugas’

Ferrol, 17 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, enxalzou o valor da comunicación e o márketing na innovación, a competitividade e a cultura con motivo da celebración dos VIII Premios Paraugas. Promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia, os galardóns entregáronse hoxe en Ferrol nunha gala que contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Diego Calvo salientou a consolidación destes premios como referentes no sector, ao ser os únicos que abranguen toda a súa cadea de valor, e a súa fortaleza como escaparate do talento galego no eido da creatividade e a difusión. Para o vicepresidente primeiro, a industria da comunicación e do márketing representa “un valor social e cultural diferenciador”, que ademais de xerar emprego e riqueza, “contribúe a crear cultura, coñecemento e identidade, así como a fortalecer a marca Galicia”.

A celebración da gala por primeira vez en Ferrol foi outro dos aspectos sinalados por Diego Calvo, xa que reforza “a vinculación da cidade coa industria do deseño”. Neste sentido, referiuse a outros emblemas desta rama presentes na cidade, como o CIS Tecnoloxía e Deseño e a Escola de Deseño Industrial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023