A Xunta concede novos carnés de voluntarios de Protección Civil a varias agrupacións en Ribadumia

O delegado territorial participou na entrega de 31 carnés, dos cales 26 foron para a agrupación de Ribadumia

Tamén se entregaron acreditacións ás entidades de Portas, Moraña, Tui e Vilaboa

Actualmente hai máis de 40 agrupacións de Protección Civil actuando na provincia e estase traballando para que este número creza
 

Ribadumia (Pontevedra), 17 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá o acto de entrega dos novos carnés de voluntarios a integrantes das Agrupacións de Protección Civil dos municipios de Ribadumia, Moraña, Tui, Portas e Vilaboa, nun acto celebrado na casa do concello de Ribadumia.

O delegado, acompañado polo alcalde da localidade, agradeceu o gran traballo que realizan estas agrupacións de forma totalmente voluntaria e asegurou que “o mínimo que podemos facer dende as administracións é recoñecer o voso esforzo e valentía e poñer todos os medios á vosa disposición”.

No acto entregáronse un total de 31 carnés, dos cales 26 foron para as novas incorporacións da agrupación de Ribadumia.

O delegado territorial quixo felicitar un por un a todos os asistentes e insistiu en “non esquecer que hai apenas dous anos, mentres todos tíñamos medo de saír á rúa, os voluntarios e voluntarias de protección civil fixeron un traballo impagable en moitos concellos, poñendo o benestar dos seus veciños por diante da súa propia seguridade”.

Cabe destacar que na provincia de Pontevedra funcionan máis de 40 agrupacións, moitas delas compartidas entre varios concellos. Nese sentido está a traballar a Xunta, para facilitar os procesos de formación destas entidades e axudar aos concellos na súa xestión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023