A presentación dunha publicación sobre artesanía e gastronomía abre mañá as IV Xornadas Artesanía no prato na Coruña

Mañá domingo ás 11:30 horas en en Expocoruña presentarase o libro no que se recollen propostas fotográficas conxuntas de 12 restaurantes e 31 artesáns especializados en diferentes oficios, así como tres casos de éxito do traballo entre chefs e artesáns

A Xunta organiza a cuarta edición deste encontro ao que está previsto a asistencia de prescritores de medios especializados en gastronomía e decoración, cociñeiros e responsables de tendas de toda España

Nas Xornadas Artesanía no Prato haberá un Espazo Artesanía de Galicia no que participan 31 obradoiros artesanais, e un Espazo Cociña no que 11 chefs de prestixio ofrecerán demostracións gastronómicas empregando pezas de Artesanía de Galicia
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participará mañá domingo ás 11:30 horas en Expocoruña na presentación da publicación Artesanía no Prato, no marco das IV Xornadas Profesionais homónimas que organiza a Xunta para impulsar as sinerxías entre Artesanía de Galicia e os ámbitos da gastronomía, da decoración de interiores e do contract. No evento está prevista a asistencia de prescritores de medios especializados en gastronomía e decoración, cociñeiros e responsables de tendas especializadas de España.

O libro Artesanía no Prato amosa o traballo conxunto entre profesionais da artesanía e da gastronomía, desde o inicio do proxecto Artesanía no Prato no ano 2013, un período de tempo no que están a ser moitos os obradoiros artesanais que están a colaborar con cociñeiros para crear vaixelas exclusivas e pezas personalizadas. Na publicación inclúese unha escolma de fotografías de Stephane Lutier sobre pratos realizados por 12 restaurantes galegos e nas que se amosan pezas de 31 obradoiros de Artesanía de Galicia. Os restaurantes que aparecen representados son Miga, Bido, Millo e Pracer, da Coruña; os composteláns Abastos 2.0, A Carrilana, A Maceta e A Tafona; Restaurante España (Lugo); Casa Solla (Poio); Culler de Pau (O Grove); e A Parada das Bestas (Pidre, Lugo).

En canto aos obradoiros de Artesanía de Galicia, no libro aparecen pezas dos oleiros Alberto Lista, Alfarería Rulo, Cerámica Creare e Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), así como de Alfarería Agustín (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo); dos obradoiros especializados en madeira Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Carballo Estrela (Pontevedra) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela); da cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); do artesán especializado en coitelos Celso Ferreiro (A Fonsagrada); do obradoiro de vidro Arteviares (A Coruña); da zoqueira e marroquineira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces); e dos obradoiros especializados na cantería Fernando Vilariño (Mondoñedo) e GSC Petrum (Cuntis). Aparecen tamén pezas dos ceramistas da Coruña Arobe Cerámica, Branqueta, Susana Anta e Verónica Moar; Laura Delgado (Cambre); Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); Ceniza de papel (Lugo); Fernando Porto (A Estrada); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Regal Cerámica (Viveiro); Cerámica Suve (Cangas); Unzueta Cerámica (Brión); Xaime Piñeiro (Santiago de Compostela); e dos ceramistas vigueses Carlos San Claudio, Ojea Studio e Witchneeds.

Programación das Xornadas

Mañá domingo, día 19, e o luns 20 de novembro celébranse en ExpoCoruña as IV Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, co obxectivo de impulsar a incorporación de produtos da marca Artesanía de Galicia no eido da gastronomía, e de fomentar as sinerxías e o traballo conxunto entre estes sectores. Este evento profesional iniciouse no ano 2017 como unhas xornadas bianuais impulsadas pola Fundación Artesanía de Galicia, coa colaboración de Galicia Calidade e dos seus produtos certificados, e que este ano conta tamén coa colaboración da Axencia Galega de Turismo, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria e de Cerveza 1906. O evento consistirá nun Espazo Artesanía de Galicia no que participan 31 obradoiros da marca especializados en oficios como a madeira, a cerámica, a forxa, a estampaxe, a cestería, a escultura ou o téxtil, e mais nun Espazo Cociña no que se ofrecerán, previa invitación, showcookings de reputados cociñeiros nas que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia.

En horario de 11:30 a 21:00 horas, presentaranse no Espazo Artesanía de Galicia produtos de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, dos que 12 deles participan por primeira vez co obxectivo de abrir novas vías de comercialización e novas áreas de traballo para os seus proxectos. Trátase dos obradoiros especializados na madeira Aitor (Vikensen), Carballo Estrela (Pontevedra), Tresoficios (Teo) e Verdecima Tallas de Madeira (Mos); os ceramistas Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Cavalinho do Demo (Fornelos de Montes), Ceniza de papel (Lugo) e Pilarnia Arte (Taboadela); Red Ram Forge (A Coruña), especializado en coitelos; Natalia Moreno Artesanía y Diseño (Baiona), e estampaxe artesanal; GSC Petrum (Cuntis), en pedra; e mais o cesteiro O Carabel Ecocestos (Ferrol).

Os outros 19 obradoiros que repiten a experiencia son os ceramistas Mar Barral (Catoira), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Arobe Cerámica (A Coruña), Laura Delgado (Cambre), Xaime Piñeiro (Santiago de Compostela), Ojea Studio (Vigo), Otero Regal Ceramista (Viveiro), Unzueta Cerámica (Brión), e Susana Anta Cerámica (A Coruña); os oleiros de Buño Alfarería Lista e Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); os obradoiros especializados en madeiras Ilex Talla e Lorenzo Design, ambos os dous de Santiago de Compostela, e Atalanta Madera (A Estrada); as cesteiras Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) e La Parabólica (O Porriño); o obradoiro de escultura Fui yo (Santiago de Compostela); o de Celso Ferreiro (A Fonsagrada), especializado en coitelos; e mais Uniformes 2.I (Lugo), en téxtil.

Entre o domingo e o luns pasarán polo Espazo Cociña das IV Xornadas Artesanía no Prato un total de 11 cociñeiros galegos, nunha programación de demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar os pratos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia. O programa comeza o domingo ás 13:15 cunha Sesión Matinal by 1906 a cargo de representantes dos colectivos locais de cociña de Galicia: Alma García e Víctor Rubio, do Greca Bar (A Coruña), representarán a Coruña Cociña; Gerson Iglesias, do Hotel Oca Villa de Allariz, de Cociña Ourense; Jonathan Mota, de Mijo (Vigo), representa Vigo Gastronómico; e Toño Lorenzo, da Faragulla (Chantada), de Cociñeiros Lugo.

A partir das 17:30 está programada unha sesión merenda a cargo de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé (Cambre), con produtos de Artesanía Alimentaria; e a xornada do domingo rematará cun showcooking de Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), a partir das 19:30 horas, con produtos de Galicia Calidade.

A xornada do luns comeza cun showcooking a cargo de Álvaro Victorinao, do Grupo Peculiar (A Coruña), a partir das 13:30 horas, e continúa cunha demostración de Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo, de Ceibe (Ourense). O programa desta cuarta edición pecharase cunha Jam Session a cargo de Moncho Méndez, de Millo Orzán (A Coruña), a partir das 19:30 horas.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023