A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde á entrega doa Premios de Excelencia Química Empresarial, do Colexio Oficial de Químicos de Galicia

Lorenzana define a sociedade Recursos de Galicia como peza clave na estratexia industrial da Xunta

Asegura que a política industrial do Goberno galego prioriza a planificación, a sustentabilidade e o impulso a novos vectores enerxéticos

Salienta a importancia da investigación química para a implantación da industria verde e o despregamento das enerxías renovables
 

Baiona (Pontevedra), 18 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, definiu hoxe a sociedade público-privada Recursos de Galicia como peza clave na estratexia industrial da Administración autonómica, que prioriza a planificación, a sustentabilidade e o impulso a novos vectores enerxéticos.

Na súa intervención durante o acto de entrega dos Premios de Excelencia Química que outorga o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Lorenzana destacou a importancia da investigación química para o desenvolvemento de materiais avanzados, no impulso de procesos de fabricación eficientes, na innovación en enerxías renovables ou na aposta pola sustentabilidade ambiental.

Segundo dixo, son obxectivos de actuación nos que xa está traballando a industria galega, e que a Xunta promove dentro da súa aposta por unha política industrial verde e garante da coexistencia co medio natural e o aproveitamento eficiente dos recursos.

A conselleira asegurou que contribuirán a este obxectivo, non só a sociedade mixta Recursos de Galicia, que garantirá que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traduza en riqueza social; tamén o fondo de investimento formado por capital de investidores privados para atraer proxectos cara á Comunidade; a Oficina Económica de Galicia para axilizar e asesorar as empresas; ou a futura Lei de aproveitamento dos recursos naturais, que afianza o desenvolvemento e despregue da enerxía eólica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023