A Xunta adxudica por máis de 1,2 M€ as obras da mellora hidráulica no río Anllóns para reducir o risco de inundacións ao paso pola Cepeira, en Carballo

Os traballos teñen un prazo de execución de 7 meses e buscan a naturalización do leito

Actuarase na mellora hidráulica do río na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, na zona de Sísamo

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración entre Xunta e o Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento, cun investimento total de 6,3 M€

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 1.218.863 euros a execución das obras de mellora no río Anllóns para reducir o risco de inundacións ao paso pola Cepeira, no concello de Carballo.

 

Os traballos, adxudicados á empresa UTE Vázquez y Reino, S.L. – Francisco Gómez y Cia, S.L., céntranse na mellora hidráulica do río na zona de Sísamo, concretamente na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira.

 

Esta nova actuación da mellora hidráulica do río Anllóns forma parte das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundación no municipio. Os traballos teñen un prazo de execución de 7 meses.

 

Avanzando na colaboración Xunta e Concello

Estas intervencións enmárcanse na colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río que supoñen un investimento total de 6,3 M€.

 

Entre as accións que se consideran máis prioritarias, e que son as que se impulsan a través desta colaboración, están estas obras da mellora hidráulica do río Anllóns ao paso pola Cepeira, téndose xa rematada a execución dun ‘bypass’ na zona de Muíño do Quinto, para mellorar a capacidade hidráulica do río, abrindo un canal alternativo que permite derivar caudal en períodos de crecida.

Tamén se está a ultimar a remodelación integral do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención e axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e ponte da rúa Sol, que inclúe a demolición dun edificio que invade o cauce do río e a creación dunha canle de augas altas.

 

Estas actuacións están financiadas con fondos europeos do programa de desenvolvemento rexional Feder.

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

 

No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.

 

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.

 

 

Data de actualización: 17/11/2023