O programa de sensibilización ambiental Escola Verde duplica este ano a participación de centros educativos ao chegar a 20
Esta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta+, conta coa colaboración activa de arredor de 230 profesores e chegará a preto de 2.300 alumnos de centros de ensino tanto rurais como urbanos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato
O programa vai pola quinta edición, co fin de acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente desde o eido educativo, unhas aprendizaxes que despois os estudantes aplican noutros ámbitos da súa vida diaria
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023
A Xunta de Galicia puxo en marcha este mes unha nova edición do programa educativo Escola Verde coa participación dunha vintena de centros formativos, o dobre que no curso anterior. Esta iniciativa de sensibilización ambiental, impulsada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dentro do Plan Proxecta+; vai xa pola quinta edición e conta coa intervención activa de arredor de 230 profesores para chegar a preto de 2.300 alumnos dos centros de ensino participantes.
O programa Escola Verde ten por obxectivo acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente desde o eido educativo, unhas aprendizaxes que despois as alumnas e alumnos aplican noutros ámbitos da súa vida diaria. Con esta premisa, cada centro escolle unha temática sobre a que traballar durante o curso escolar para concienciar ao alumnado desde idades temperás sobre o respecto pola biodiversidade e a natureza.
Nesta quinta edición, ademais de duplicarse os centros de ensino participantes -entre os que se inclúen tanto de Educación Infantil como de Primaria, Secundaria ou Bacharelato-, incorpóranse temáticas innovadoras ou de máxima actualidade como o estudo da sostibilidade urbana, a perda da biodiversidade ou o reaproveitamento de residuos para diferentes usos. Esta diversidade de temas propostos polos centros -pertencentes tanto a localidades rurais como urbanas- leva aparellada a participación de profesorado de múltiples especialidades que van desde a química e a bioloxía ou a xeografía e historia.
O programa Escola Verde busca apoiar ás escolas que queren innovar, incluír, sistematizar e organizar accións educativas que teñen a finalidade de asumir novos retos e valores da sustentabilidade, así como conseguir cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. Ademais invita aos centros a incorporar os valores da educación para a sustentabilidade en todos os ámbitos educativos e das familias ao tempo que se promove a participación activa da comunidade escolar na mellora do seu medio.
Esta iniciativa formativa-xunto con MeteoEscolas- é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, no que colaboran diferentes organismos e que está pensado para fomentar a innovación educativa nos centros, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.
Centros participantes e temas seleccionados:
CENTROS EDUCATIVOS PARTICIPANTES NO PROGRAMA ESCOLA VERDE | |
Centro educativo | Tema seleccionado |
CEIP Bergantiños | Bergantiños verde |
CEIP de Corvillón | Corviscouts pola saúde! |
CEIP de Espedregada | Patrulla verde en acción |
CEIP de Mosteiro-Bembrive | Mosteiro en verde |
CEIP de Práct. da E.U. Form. Profes. EXB | Reciclando |
CEIP de Prácticas López Ferreiro | A conseguir un coleferreiro verde! |
CEIP Illas Cíes | Escola verde e azul: polinizadores |
CEIP Padre Feijóo | Acearrica+ |
CEIP Plurilingüe da Ramallosa | Ramalloseir@s coa natureza: 3ª parte |
CEIP Plurilingüe de San Bartolomé | Isto vainos quedar a mar de limpa! |
CPI de Ponte Carreira | Cada gota conta |
CPR Plurilingüe de Barreiro | O barreiro é verde |
CPR Plurilingüe La Inmaculada | CPR la inmaculada: escola verde |
CPR Plurilingüe Padre Míguez | Manchando as mans, non o planeta |
CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Placeres | Colecircularidade educar máis con menos |
EEI de Verducido | Imos á horta con nonón |
IES Eduardo Blanco Amor | ARTEedescARTE |
IES Gonzalo Torrente Ballester | Residuos cero |
IES Plurilingüe de Valga | Mudamos o noso centro |
IES Xoán Montes | Plasticosfera. Poñer solución dende a orixe |