Lete Lasa subliña a importancia de difundir nos máis pequenos os valores da nosa tradición na Xornada de Xogos Populares Galegos de Moaña

A xornada do Programa Xogade contou coa participación dos alumnos de 1º e 2º da ESO do propio IES, ademais do alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros escolares de Tirán, Quintela, Seara e Abelendo

Moaña (Pontevedra), 17 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na Xornada de Xogos Populares Galegos -Billarda, Bolos Celtas e Chave- que se celebrou no IES Paralia de Moaña cos alumnos de 1º e 2º da ESO do propio IES, ademais do alumnado de 6º de Educación Primaria dos centros escolares de Tirán, Quintela, Seara e Abelendo.

Nas súas verbas, o secretario xeral reivindicou a billarda, os bolos celtas e a chave, así como todo o deporte popular como parte fundamental “do noso patrimonio etnolúdico, o xeito que temos os galegos e as galegas de relacionarnos coa xente a través do deporte”. Neste sentido lembrou o recoñecemento da billarda como modalidade deportiva na comunidade autónoma galega en xuño de 2020 e a posta en marcha da Federación Galega de Deportes Autóctonos -billarda e chave- en maio de 2021. Lete Lasa destacou que, sumando estas licenzas coas da Federación Galega de Bolos, Galicia conta con preto de 3.000 persoas practicando deporte popular de xeito federado.

O mandatario galego destacou o excelente estado de saúde do Xogade que no fin da campaña 2022/2023 acadou os máis de 135.000 nenos e nenas mutualizados, o número máis alto da historia e que representa a máis da metade de todos os escolares galegos de entre 6 e 16 anos -54,08%-. E, do mesmo xeito, agradeceu o traballo das 31 agrupacións deportivas escolares que fan posible a realización das actividades deportivas por toda a xeografía galega.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023