A Xunta completa o programa expositivo do Gaiás de 2023 cunha experiencia dixital inmersiva na natureza e unha retrospectiva do pintor José María Barreiro

‘Hábitats. Natureza estendida’ é o título da nova aventura sensorial que permite viaxar polos cinco continentes sen saír do museo grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e aumentada

A Cidade da Cultura rende homenaxe tamén ao pintor de Forcarei, continuador do vangardismo histórico de Laxeiro, nunha exposición que recolle a súa produción artística dos últimos 60 anos

As primeiras entradas para gozar da experiencia de ‘Hábitats’ estarán á venda a partir da próxima semana en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023

Unha exposición homenaxe ao pintor galego José María Barreiro e unha nova aventura dixital para explorar a biodiversidade do planeta son as dúas propostas coas que a Xunta de Galicia pechará o programa expositivo da Cidade da Cultura de 2023. Con elas, son xa dezaoito as mostras e intervencións artísticas realizadas no complexo do Gaiás ao longo deste ano, ás que se suman as sete itinerancias organizadas pola Fundación Cidade da Cultura dentro e fóra de Galicia.

Atravesar a selva amazónica, observar de preto os elefantes na sabana africana ou internarse na gran barreira de coral australiana sen saír do Museo Centro Gaiás é o convite único que ofrece Hábitats. Natureza estendida. Trátase dunha aventura dixital para todos os públicos con nove destinos para somerxerse na natureza grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e aumentada.

A experiencia, accesible a partir dos 9 anos de idade, permite convivir e interactuar con especies animais e vexetais recreadas en 3D, buscando a empatía das persoas visitantes co medio ambiente. Carlos Seijo, director do estudo galego Maxina, especializado en efectos visuais, animación e contidos inmersivos, é o responsable da idea conceptual e desenvolvemento do proxecto.

Unha escenografía construída con materiais reciclados no interior do Museo ambienta esta viaxe, na que a través das lentes de realidade virtual se mostra unha natureza espida e vulnerable sobre a que o ser humano ten a capacidade de influír, tanto de maneira negativa como positiva.

As primeiras entradas para Hábitats. Natureza estendida estarán dispoñibles a través de Ataquilla e no Museo centro Gaiás a partir da vindeira semana, a un prezo de 3 euros (máis gastos de xestión).

Barreiro, o silencio que chove luz na xanela

Ademais, a Cidade da Cultura exhibirá a partir do 30 de novembro unha selección de pinturas e debuxos de José María Barreiro, pintor galego continuador da renovación do vangardismo histórico e do postvangardismo de Laxeiro.

A exposición Barreiro, o silencio que chove luz na xanela, comisariada por Xosé Antón Castro e Pilar Corredoira, céntrase nos seus traballos dos últimos 60 anos, nunha homenaxe á súa traxectoria persoal e artística, que se complementa con documentos, esculturas e textos dedicados ao pintor de Forcarei por autores como Carlos Oroza e Urbano Lugrís, cos que mantivo unha fonda amizade e colaboración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2023