A Xunta amplía as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena flavescencia dourada da vide

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución na que se recollen as parroquias afectadas por esta ampliación e as novas medidas de erradicación e control
 

Os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores deberán eliminar as plantas infestadas o antes posible e aplicar un tratamento insecticida autorizado en toda a parcela
 

En todas as zonas demarcadas obrigaranse a realizar tratamentos fitosanitarios nos períodos de voo do vector
 

O goberno galego concederá axudas aos propietarios das parcelas afectadas dentro das achegas en materia de sanidade vexetal
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución na que se recolle unha ampliación dos concellos con presenza da praga de corentena denominada Flavescencia dourada da vide, establecendo a zona demarcada e adoptando medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia. Esta actualización inclúe aos concellos do Rosal, A Cañiza, Tomiño e Oia, en Pontevedra; e aos de Cortegada e Pontedeva, en Ourense, onde hai parcelas infestadas. Ademais, a zona demarcada esténdese na provincia ourensá a Gomesende e Quintela de Leirado. 

A praga denominada Flavescencia Dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). A nova zona demarcada está formada pola zona infestada -parcelas onde se confirma a súa presenza- e unha zona tampón arredor desta. 

O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, estableceu a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Durante as prospeccións realizadas durante o 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fai preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas. 

As parcelas infestadas a día de hoxe atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, Crecente e As Neves, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos de Cortegada, Pontedeva e Padrenda, en Ourense. Ademais, a zona tampón esténdese aos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, na provincia de Pontevedra; e nas localidades de Gomesende e Quintela de Leirado, en Ourense.  

Medidas

Dentro da zona infestada, os titulares das parcelas vitivinícolas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ e, se non é posible, realizarase nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.  

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, estudiarase a posibilidade de eliminar e destruír todas as plantas da parcela. Se a detección se realiza nunha parcela abandonada deberá arrincarse toda a parcela. 

No relativo a viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, en caso de detectar un positivo, este será eliminado e quedará inmobilizado de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección. Na actualidade non hai ningún viveiro ou operador profesional afectado na zona demarcada.

Por outra banda, será obrigatorio en toda a zona demarcada que os titulares das parcelas vitícolas e os operadores profesionais realicen tratamentos insecticidas con produtos fitosanitarios autorizados nos períodos de voo do vector, que se produce habitualmente nos meses de verán, e que serán publicados na web da Consellería. Ademais, os titulares deberán vixiar a presencia de Flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga.

 

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas. 

Axudas aos afectados

O pasado 3 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismos de corentena neste ano 2023, que como novidade inclúe a Flavescencia dourada da vide. 

Os titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de vide fosen eliminadas e destruídas baixo control oficial como consecuencia da detección de Flavescencia dourada, poderán optar a estas achegas sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde.  

 
 

 

Data de actualización: 17/11/2023