A Xunta investiu máis de 146.000 euros na creación dun novo pasteiro no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as actuacións realizadas, enmarcadas no Plan de Pastos de Galicia, que recolle un investimento total de 9,5 millóns de euros para actuar en máis de 4.000 hectáreas

O pasteiro abrangue unha superficie de 14,5 hectáreas e para a súa posta en marcha leváronse a cabo traballos no terreo, construíuse un peche perimetral e instaláronse servizos para atender o gando, como unha mangada de manexo e un bebedoiro

 

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 19 de novembro de 2023

A Xunta investiu un total de 146.637 euros no desenvolvemento do pasteiro de Carbuíz, no monte veciñal en man común de Rosedo, situado no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou estas actuacións, enmarcadas no Plan de Pastos de Galicia.

O pasteiro abrangue unha superficie de 14,5 hectáreas do devandito monte e para a súa posta en marcha leváronse a cabo traballos no terreo, entre eles de roza, pases de grada pesada, retirada de pedras, encalado, sementeira e pase de rulo final. Ademais, construíuse un peche perimetral cunha lonxitude de 3.135 metros e instalouse un pequeno galpón, un bebedoiro, unha mangada de manexo, un pozo e un módulo fotovoltaico. 

O principal obxectivo de todos estes labores é o de fomentar a gandería en extensivo na zona, ao tempo que tamén se actúa na prevención de incendios forestais. Así, mediante o Plan de pastos de Galicia traballarase en total nunha superficie aproximada de 4.416 hectáreas, en catro fases, no conxunto da comunidade autónoma. O investimento total previsto sitúase nos 9,5 millóns de euros.

Neste senso, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2023