Xunta e concello de Malpica ratifican o convenio que permitirá obter a parcela para o futuro centro de saúde

O Goberno galego comprométese a construír un centro de saúde de 1.000 m2 na parcela que expropiará o concello

Esta nova infraestrutura duplicará a superficie do actual centro e permitirá poder contar con catro consultas máis ou salas propias para toma de mostras e urxencias

Comesaña destaca a incorporación en 2022 dunha nova médica con praza fixa en Malpica e a creación dun equipo de enfermería a domicilio compartido con Carballo e Coristanco

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 17 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, asinaron hoxe o convenio que posibilitará obter o terreo para a construción do futuro centro de saúde. Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria, a nova infraestrutura sanitaria, emprazada na parcela que expropiará o concello, contará cunha superficie de 1.000 m2. No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; e o xerente da área sanitaria, Luis Verde.

O responsable da sanidade pública galega detallou que o novo centro terá catro consultas de medicina xeral e tres de enfermería para adultos; unha consulta de pediatría e unha de enfermería pediátrica; unha sala de toma de mostras e unha polivalente; e unha sala de urxencias. Tamén terá sala de docencia e un despacho de coordinación.

Comesaña remarcou que o futuro centro duplicará a superficie do actual, o que suporá que as consultas de adultos serán tres máis que no de agora, e engádese a de enfermería pediátrica, ademais de espazos propios para as salas de extraccións e urxencias, que agora sitúanse en espazos compartidos.

Outras melloras

O conselleiro puxo en valor que esta nova infraestrutura non é o único avance para este concello, xa que Malpica conta dende o ano pasado cunha nova doutora con praza fixa, froito da convocatoria de prazas de difícil cobertura que o Sergas realizou mediante un concurso de méritos, sendo Galicia a primeira comunidade que ofrece prazas en propiedade sen oposición, co obxectivo de incentivar a súa cobertura en atención primaria.

Xunto ao anterior, Comesaña subliñou que a Xunta creou, tamén o ano pasado, equipos de enfermería de soporte de atención domiciliaria, e un deles está destinado a Malpica, xunto con Carballo e Coristanco.

Respecto ao equipamento do centro, o conselleiro explicou que, nestes momentos, o seu departamento ten contratos en trámite por valor de 18.000 euros para incorporar a este centro de saúde un equipo multidiagnóstico, un sistema de monitorización ambulatoria da presión arterial e unha padiola de transporte. Deste xeito, o Goberno galego segue a impulsar a renovación integral da atención primaria.

Investimentos en infraestruturas de atención primaria

Para rematar a súa intervención, Comesaña incidiu en que, dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 115 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 83.000 m2. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Tamén recordou o conselleiro que, na provincia da Coruña, a Xunta ten en marcha novos centros de saúde en Abegondo, Santa Lucía na Coruña, Noia, ou a futura ampliación do centro de saúde de Carballo, para convertelo en Centro Integral de Saúde.

O titular da carteira sanitaria incidiu en que a execución simultánea destes proxectos, é posible grazas a que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano incrementan os fondos para investimentos en obras e equipamentos de atención primaria ata os 61 millóns de euros.

Data de actualización: 17/11/2023