O conselleiro do Medio Rural, xunto co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, reuniuse con representantes da distribución con presenza en Galicia

A Xunta insiste en defender a necesidade de prezos estables no sector leiteiro para garantir rendibilidade aos gandeiros e remuda xeracional

José González insistiu na idea de que sen gandeiros non hai industria nin distribución, polo que cómpre apostar por un prezo axeitado para os consumidores finais, pero tamén por un prezo adecuado para os gandeiros e para a industria

Reiterou que a Xunta seguirá defendendo a rendibilidade, a continuidade e a competitividade das explotacións gandeiras con diferentes medidas entre as que salientou a Estratexia de dinamización do sector, que dá froitos como a Contaláctea
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, insistiu esta tarde en defender a necesidade dunha estabilidade nos prezos do leite, que garanta aos gandeiros cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio. O titular de Medio Rural, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, mantivo unha reunión con representantes da distribución alimentaria con presenza en Galicia.

Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que mantén periodicamente o Goberno galego con todos os axentes sectoriais. Segundo explicou González, trátase de impulsar este eido produtivo clave do rural galego, co fin de garantir o seu futuro e a remuda xeracional nas explotacións. Ademais, destacou que con este encontro péchase o ciclo de reunións sectoriais, tras as mantidas con representantes das organizacións profesionais agrarias e da industria.

Nesta liña, o conselleiro insistiu na idea de que sen gandeiros non hai industria nin distribución. Por iso, concluíu -tal e como sinalou este mesmo martes nunha visita a Carrefour- que é preciso apostar por un prezo axeitado para os consumidores finais, pero tamén cómpre traballar por un prezo adecuado para os gandeiros e para a industria. Engadiu que neste intre “non pode haber ningunha baixada de prezos do leite, para non entrar nunha situación de venda a perdas” por parte dos gandeiros, que ademais “legalmente non se pode consentir”, remarcou. E reiterou que a Xunta quere “ir da man” de toda a cadea de valor do leite (gandeiros, industria e distribución) para conseguir ese obxectivo de estabilidade nos prezos.

Medidas de apoio ao sector

Neste mesmo sentido, José González insistiu en que a Xunta seguirá defendendo a rendibilidade, a continuidade e a competitividade das explotacións gandeiras con diferentes medidas entre as que salientou a estratexia de dinamización do sector, que -trasladou- dá os seus froitos, con ferramentas como a Contaláctea.

Cómpre lembrar demais que o Goberno galego destina arredor de cen millóns de euros anuais ao sector e que mantén a presión sobre o Ministerio de Agricultura para que faga cumprir a Lei da cadea alimentaria. A maiores, trabállase na mobilización de terras, para incrementar a base territorial das explotacións e continúase co esforzo en liñas de fomento da actividade agrogandeira claves para o sector lácteo.

Así, cabe sinalar que en 2024 destinaranse 16 millóns de euros a fomentar a incorporación de mozos ao agro, outros 32,6 millóns de euros para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios e 27 millóns máis para financiar investimentos produtivos en explotacións. A todo isto cómpre engadir que a Xunta colaborará en novas campañas de promoción do leite galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023