A Xunta apoia a 11ª ruta 4x4 da comarca de Sarria, que se desenvolve desde mañá ata o domingo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego colabora cos gastos de organización e coa entrega de indumentaria promocional do Xacobeo para repartir entre os participantes

Sarria (Lugo), 16 de novembro de 2023

A Xunta apoia a undécima edición da ruta 4x4 da comarca de Sarria, que se desenvolverá desde mañá venres 17 de novembro ata o domingo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación xunto con representantes da asociación organizadora, Os Carro x Catro.

Arias explicou que a Administración autonómica patrocina as actividades programadas e achega equipamento do Xacobeo para os participantes.

A ruta contará con vehículos todoterreo, quads, buggies e motos. Farán un itinerario por contornas naturais de Sarria e doutros municipios da zona. Como en anteriores edicións, a cita congregará a persoas procedentes de distintas localidades galegas e doutros puntos de España.

O sábado será a xornada principal, na que os participantes farán un percorrido de máis de 100 quilómetros por varios concellos. O domingo haberá probas de habilidade no polígono do Morelle e entrega de trofeos.

Arias subliñou o impacto positivo que terá esta actividade na economía de Sarria e dos concellos próximos, ademais de servir de escaparate para que os visitantes coñezan todos os recursos da zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023