Galicia segue a apostar pola saúde cun dos calendarios de inmunización máis completos do mundo

Máis de 450.000 galegos de entre 65 e 79 anos son invitados a participar no proxecto Galflu, un dos ensaios clínicos de maiores dimensións en España

O conselleiro de Sanidade intervén no XI Taller interactivo infectolóxico que congrega na capital galega a expertos en pediatría e vacinoloxía

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa intervención na inauguración da 11ª edición do Taller interactivo infectolóxico (TIPICO), remarcou o éxito das últimas incorporacións ao calendario de inmunización de Galicia que o fan un dos máis completos do mundo.

Así, a Xunta ten apostado por ampliar a cobertura vacinal en Galicia coa recente incorporación da inmunización ante a bronquiolite e as vacinas da meninxite B, o rotavirus e o herpes zóster, entre outras. En palabras de Comesaña, “o compromiso da Xunta de Galicia e da Consellería de Sanidade coa prevención da saúde da cidadanía galega a través das vacinas viuse reforzado estes últimos anos ao duplicar o investimento orzamentario desde 2021”.

Como exemplo do papel precursor de Galicia, o conselleiro de Sanidade lembrou o estudo clínico Galflu que está a desenvolver o Grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública.

Desde o inicio da campaña da gripe, a máis de 450.000 persoas de 65 a 79 anos que están a acudir á chamada á vacinación que fai a Xunta, se lles está a ofrecer voluntariamente recibir a versión da vacina de alta carga que na actualidade se lle administra a maiores de 80 anos. Así, con este estudo, valorarase se esta dose é igualmente beneficiosa para as persoas desta franxa de idade menor.

Data de actualización: 16/11/2023